Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / LETRAS 2018
María Victoria Moreno: Literatura infantil e xuvenil: Poesía
Eu conto, ti cantasEste libro, protagonizado por animais, é unha mostra máis dese mundo propio e recoñecible que María Victoria Moreno soubo crear na súa literatura.
Contén  tres contos para todos os nenos e nenas de sete anos en diante que buscan o amor nos olliños doces de mel dun can de bondadosas orellas.
(Máis información)
A continuación podedes ir vendo información específica de cada un dos contos-poéticos que conforman a última obra que Mª Victoria Moreno publicou en vida.

CONTO 1 >>>¡Xa non teño medo!

Este conto xa fora publicado en 1998 na colección A maxia das palabras.

Un cativo, Xan, ten medo cando se vai deitar. Grazas a unha chorumiña, ao ir durmir na bufarda non sente medo da noite e comproba que no ceo sae a lúa e florece o sosego na terra escura [3]. A noite vai ser unha festa divertida e poboada de elementos máxicos e suxestivos. Os sons, os amigos curiosos que viven no armario, as sombras que esvaecen co fermoso luar e os personaxes que poboan a noite da súa vila velando polos demais, son retratados a través da ollada infantil, desbotando o medo a favor da maxia da vida cotiá.

Eu non durmo na bufarda
porque son malo,
porque esperto de noite
e porque falo

….
Eu, cando sexa grande,
serei bombeiro
acaso policía
ou quizais médico

Son bos oficios:
gáñase o pan velando
polos veciños

CONTO 2 >>>Can branco, can negro

Publicado antes como Nico e Miños.

Os protagonistas son dous cans, un branco e un negro. Nicolau é un canciño que foi recibido por todos con aloumiños e festas, mentres que Correcamiños naceu na beiravía da estrada onde súa nai foi abandonada; ambos os dous un bo día xuntaranse nun arrabalde perdido e unirán para sempre o seu destino, nunha amizade entre cans que non entende de cores

Chamáronlle Nicolau
un día de primavera
cando chegou a esta vida
aquel seu nobelo de seda.
….
Correcamiños naceu
na beiravía da estrada
onde un home malo e feo
botara a cadela branca,
que levaba na barriga
seis cadeliños de nata.

CONTO 3 >>>¿Un cachiño de bica?

Xa fora publicado en 1994.

Protagonizado por un mozo que mentres almorza nun restaurante ve como da súa cunca saen letras que lle queren contar unha historia. Ten tres partes, correspondentes a cada unha das comidas do día[7]. Esa historia é a de Iván que coida a Nica, unha cadela ben xeitosa, á que moito lle gustan os cachiños de bica; os dous están unidos polos lazos da complicidade e a necesidade mutua.

Cunha presa de letras
e un aloumiño
vouche contar un conto
coma un sorriso

Un conto ledo
coma os ollos dun can
e a voz dun neno


Se che gustou o conto
ben cho agradezo.
Quero mandarche un bico
máis un consello:

fai coma Iván:
busca o amor
nos ollos doces dun can




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.