A escritora María Victoria Moreno recolle neste libro a súa experiencia e reflexións como enferma de cancro de mama. Unha crónica literaria de beleza desconcertante, de sinceridade asombrosa, escrita dende a serenidade e a coraxe de quen sabe que unha doenza, por grave que for, non muda a personalidade de ninguén, se non que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. Velaí a mirada humilde, froito dun optimismo sensato, de quen posúe a convicción de que nunca é tempo de abrirlle as portas á desolación. Velaí, a grandeza literaria dun texto que devolve ao lector ou a lectora a ilusión necesaria para conservar todo aquilo que confire á vida un valor, até entón quizais subestimado: descubrir nas rutinas diarias pequenos praceres insospeitados, establecer vencellos afectivos ou amorosos, ou contar coa serenidade suficiente para enfrontar os contratempos do devir cotián. Destilación de vida en estado puro.A lectura deste diario literario proporciónanos a posibilidade de esculcar os territorios da luz e a sombra da alma humana. Achegarse a estas páxinas cheas de coraxe, enchidas de humor e tamén dalgunhas bágoas, constitúe un exercicio de humildade e de confianza nas posibilidades dos seres humanos. Esa é a aposta pola vida e pola esperanza á que nos convida María Victoria Moreno.
María Victoria Moreno (1941-2005) foi unha escritora de amplísima cultura literaria. A súa relación coa poesía era moi fonda. Xa en 1973 elaborou a antoloxía Os novísimos da poesía galega. Sentíase fascinada pola poesía e era quen de transmitir esa paixón recitando poemas de corrido. E aínda que escribiu poesía no ámbito da literatura infantil é moito menos coñecido que a súa vocación lírica a levase a legarnos este libro, escrito nos últimos anos: Elexías de luz, que agora publicamos postumamente, revisado por Xavier Senín. A última parte («Dous folios que foron brancos») é o poemario en que María Victoria estaba a traballar antes da súa morte e por iso se quixo conservalo tal e como ela o deixou. Elexías de luz é unha faceta máis da rica personalidade desta galega que permanecerá para sempre no noso recordo, unha muller que se namorou da lingua e a cultura galegas, coas que mantivo unha fermosa historia de amor, como ela mesma o definiu.
Escrita en 1969, é a primeira novela de María Victoria Moreno, a única obra en castelán dunha escritora que logo había publicar en galego preto de corenta títulos.
A autora relata nesta novela, que permanecía inédita, as experiencias dunha mestra nova nunha vila de Castela durante a década de 1960.
A pobreza, o poder eclesiástico e o analfabetismo dominan unha paisaxe social desoladora, descrita cunha prosa diáfana que deixa translucir a sensibilidade singular da súa autora.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]