O pasado mércores 23 de maio de 2018, o alumnado do ENDL que participa na radio visitou as instalacións da Radio Galega. Aproveitaron a ocasión para dun xeito informal, entregar na radio pública galega unha carta reivindicando máis audiovisual en galego para a súa idade. A iniciativa saíu do grupo-aula de 1º ESO A, cuxo alumnado participa na súa maioría na actividade radiofónica Rianxo Fala e que elaborou esta carta dentro do proxecto que están a desenvolver nas materias de lingua galega e lingua castelá. Esta é a carta que se lle deixou alí.
Estimados/as señores/as:
Somos o alumnado do grupo de 1ºA do instituto IES Félix Muriel de Rianxo. Dirixímonos a vostedes para pedirlles que haxa máis audiovisual en galego, xa que, desafortunadamente, ten moi pouca presenza nos medios de comunicación de Galicia, o que priva á xente de ver e escoitar a nosa lingua nas pantallas.
As poucas películas e series que se fan en galego evidencian a escaseza da nosa lingua nos medios de comunicación, e o pouco audiovisual que poida saír apenas é promocionado. Cunha audiencia de programas en galego dun 26’6%, a posibilidade de consumo agrávase debido á existencia de unicamente dúas canles que repiten contidos, ademais, rara vez se estrea máis dunha película ao ano en galego. Esta circunstancia afecta non só a adultos, senón tamén ós máis cativos que somos grandes prexudicados, por sermos consumidores de produción audiovisual. Hai moi pouca oferta para a nosa idade, non existen series xuvenís en galego e escasean os debuxos animados que ademais se emiten en horario lectivo. Isto fai que nos vexamos obrigados a ver televisión nas canles que se emiten en castelán. Como consecuencia estamos adquirindo castelanismos, e con frecuencia seguimos os modelos da televisión e mudamos de lingua. Ademais non temos a oportunidade de adquirir novo vocabulario. Por outra parte, as persoas que non coñecen o idioma non teñen posibilidade de aprendelo a través dunha forma lúdica. Desta maneira, a ausencia de difusión do galego nos audiovisuais contribúe á desaparición da nosa lingua e a nosa cultura.
A gran pregunta é, vale a pena apostar polo audiovisual en galego..? Pois si, xa que axudaría a normalizar a nosa lingua e a que calquera poida aprendela con máis facilidade asegurando a presenza de falantes nas idades máis novas así como, a aprendizaxe a aqueles que non a coñecen. En conclusión, o galego no sector audiovisual dignificaría a nosa lingua e daríalle o prestixio que merece.
Atentamente,
O alumnado de 1º ESO A do IES Félix Muriel.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]