Por Paula Cambeses (2º Bac. A)
O venres vinte e tres de marzo, dous compañeiros e máis eu, animados pola profesora Mónica Iglesias, decidimos ir á facultade de química de Santiago de Compostela co obxectivo de presentarnos a XXXV edición da olimpíada galega de química. Esta fase consistía basicamente en dúas probas cunha duración dunha hora cada unha. A primeira estaba composta por un total de vinte e dúas preguntas tipo test relacionadas con contidos vistos durante os dous anos de bacharelato. Na segunda parte, había que resolver dous problemas e un caso práctico, no que se debía calcular a cantidade de sulfitos presentes nun viño de Chantada.
Aínda que nun primeiro momento non me mostrei demasiado animada a acudir (debido a que o exame me parecía difícil), a experiencia resultou ser interesante. Foi a primeira vez que me presentei a unha olimpiada e permitiume coñecer un pouco como funcionaban estas iniciativas e os obxectivos con que se facían.
Uns días despois dos exames, vin unha chamada dun número que non coñecía, pero non collín porque estaba no instituto. De alí a uns poucos minutos, diversos profesores dixéronme que gañara o primeiro premio na demarcación da USC. A verdade é que foi unha sorpresa total que nunca podería ter imaxinado. Ao recibir a noticia, sentín unha gran alegría e satisfacción.
Agora toca visitar Salamanca para presentarme, xunto con outros participantes, na Fase Nacional. Para min é un gran orgullo poder representar Galicia e, como non, ao IES Félix Muriel (no que tantos anos levo) nesta segunda fase. Teño moitas ganas de ir e, a ver se me dá tempo a coñecer un pouco a cidade, que todo o mundo me di que é moi bonita.
Finalmente, esta experiencia serviume para darme conta de que sempre está ben participar e que, por tentalo, non se perde nada.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]