Imaxe de cabeceira
Sen categoría
Non hai noite tan longa

Non hai noite tan longaGabriel Lamas, un home de cincuenta anos, regresa á súa vila natal, Monteverde, trinta e dous anos despois da súa marcha. Esta volta estivo propiciada polo falecemento da súa nai, feito que o forza a pisar a terra onde se criou. Ao chegar, visita a casa dos seus defuntos pais onde a ánima do seu pai lle recrimina a tardanza, o que lle propicia un incremento dos remorsos. Gabriel escapara de Galicia con tan só 18 anos fuxindo dos problemas derivados da inxusta condena do seu antecesor e deixando a súa irmá Elsa e a súa nai desamparadas. Agora, xa máis maduro, sente a necesidade de atopar ao verdadeiro culpable para facer xustiza.

A obra está ambientada en Galicia e presenta dous marcos temporais: o da época do Franquismo e o de comezos do século XXI. Este contexto sérvelle ao autor para tratar unha gran variedade de temáticas. Por unha banda, incide na importancia do honor e das desigualdades sociais. O pai de Gabriel foi incriminado, principalmente, polo feito de estar ligado aos anarquistas e pertencer a unha familia, Os Mourelos, tachados de roxos. Con todo, na época franquista non se centra só nas inxustizas legais, senón que tamén aborda aspectos como a represión feminina, simbolizada na figura de Milucha. Á parte disto, fai referencia á importancia que cobran os rumores nas vilas e nas aldeas, tanto  no pasado como na actualidade.

Por outra banda, o tema psicolóxico tampouco pasa desapercibido. A situación de asfixia de Gabriel nunha vila chea de prexuízos, os remorsos de conciencia por abandonar a súa familia e a busca desesperada de devolverlle ao seu proxenitor o honor perdido conviven nesta obra.

Outro aspecto relevante é o sentimento de esperanza e de prosperidade que se pode deducir da novela. O título xa abre o camiño a un futuro luminoso, xusto e, cando non, feliz. Esta sensación queda completada coa figura de Milena, filla de Elsa, que vén erradicar o tópico de que estamos ante a xeración perdida. Esta é unha rapaza responsable, intelixente, tolerante e pacífica.

Saíndose un pouco da temática, a obra está escrita dun xeito sinxelo que resulta ameno. Agustín Fernández Paz usa os diálogos e o narrador en primeira persoa para poder contar a historia con todo luxo de detalles.

En conclusión, unha obra moi interesante cunha temática que atrae e cun gran marco psicolóxico que recomendaría especialmente a persoas adultas con ganas de lembrar vellos tempos.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.