Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
O caldo de Rosalía, a épica dos humildes (Proposta para o Día de Rosalía)

MantelCaldoGloria GCredDesde a Fundación Rosalía de Catro queren conmemorar o Día de Rosalía (24 de febreiro) lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz.

O “caldo de gloria” con bolo do pote non axuda só a alimentarse e sobrevivir, tamén a ser feliz. Polo tanto, desde a Fundación preténdese que Galicia lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este caldo dos humildes, o desta muller que nos representa a todas. Búscase así unha maneira de celebrar en Galicia e no mundo o que nos une: a nosa cultura gastronómica popular e unha referencia galega e universal como é Rosalía.

Quen se anime a facer o “Caldo de gloria” (con bolo do pote!), debe compartilo nas redes, quer nos cancelos #CaldodeGloria e #DíadeRosalía ou no enderezo  fundacionrosaliadecastro@gmail.com.

Este ano sumáronse varios concellos (Padrón, Brión, Ames, Compostela, Teo, Ponteceso e Celanova), diversos centros escolares e numerosos restaurantes. E ao tempo que se fai o caldo na lareira da Casa de Rosalía, tamén se vai facer na lareira da Casa de Curros e na da Fundación Pondal.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.