Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Existe a liberdade lingüística?

por Candela Lustres

Na miña opinión, non creo que haxa liberdade lingüística actualmente, eu considero que nos atopamos nunha sociedade con moitos prexuízos que inflúen sobre nós e aos cales nos adaptamos moitas veces. Moita xente imponse á nosa lingua e fomentan o aborrecemento e odio a esta. Por que os nosos fillos non poden ser educados na lingua que nós queremos? Se de verdade existira a liberdade, isto non pasaría hoxe en día…

Segundo o decreto do 33%, deberíanse impartir o 33% das materias en galego, o 33% en castelán e o outro 33% en inglés, o cal leva a que só se pode elixir unha lingua cando se ten o coñecemento de cada unha delas e neste caso estáselle dando igual importancia a unha lingua non oficial, ou sexa, o inglés (lingua estranxeira) que á lingua propia. O que fai que teñamos menos coñecementos das que o debemos ter, pois o galego é a nosa lingua e teríamos, segundo o meu punto de vista, que impartir todas ou a maioría das materias en galego, xa que non en todos os lugares teñen a sorte de poderen seren bilingües por ter unha lingua propia.

Outro motivo polo que non somos libres preséntase moi claro no ámbito social. Na sociedade de hoxe en día, a xente déixase levar máis pola opinión dos demais que pola de un mesmo e se falas galego e estás convivindo con xente que habitualmente fala castelán, por exemplo nun instituto, que recolle actitudes e comportamentos que máis condicionan as relacións sociais, se todo o mundo fala castelán sería moi difícil falar galego e terías que ter unha gran personalidade para manter unha actitude contracorrente.

Por outro banda, e como último dos meus argumentos, no ámbito da administración, por exemplo, nalgún papel oficial non dan a opción de escribilo en galego e hai que facelo por obrigación na lingua que mandan, normalmente o castelán, outro motivo máis polo que non somos libres de elixir a lingua que queremos. Ou mesmo na xustiza, non se pode testemuñar na lingua que un queira, xa que o xuíz manda facelo en castelán aínda que a persoa que dá a testemuña non estea de acordo.

Por iso e por moitos motivos e exemplos máis que podería mencionar, a miña opinión é que non existe a liberdade lingüística, a sociedade atópase condicionada a usar unha ou outra lingua en moitos ámbitos e situacións do día a día.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.