Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Somos libres de empregar a lingua que queremos?

Por  Aldara Fernández Vicente

Tras debater sobre a cuestión de se somos libres de falar a lingua que queremos, chegamos á conclusión de que non. Se nos introducimos no contexto galego, a resposta será aínda máis obvia. O feito de ser libres en Galicia neste ámbito segue sendo imposible no século XXI.

 Para comezar, cantos de nós escollemos o lugar onde nacemos? Os seres humanos, por natureza, non eliximos o ámbito no que nos imos criar e, polo tanto, a lingua que se nos impón dende pequenos marcaranos durante o resto das nosas vidas. Poderiamos pensar que temos a suficiente autonomía unha vez que medramos para desprendernos da lingua que nos inculcaran na infancia, mais esa posibilidade só se da en casos nos que a lingua perdida é o galego, xa sexa para adoptar o castelán ou algunha outra lingua con poder na actualidade. Isto sucede pola condición que temos unha vez que saímos á rúa, por eses prexuízos que se apoderan da nosa liberdade de elección. O feito de que a lingua galega sexa unha lingua minorizada favorece a perda do seu uso, e a sociedade opta por seguir o que fai maioría: estamos influenciados polo que nos rodea.

 Posto que non temos tantas facilidades para ter unha vida monolingüe en galego coma noutras linguas, non podemos facer uso del en calquera situación. Se non coñecéramos outra lingua que non fose a nosa propia, presentariamos graves problemas á hora de desenvolvernos no pobo onde se supón que sería o espazo ideal para falar esta lingua sen necesidade de outras. Exemplos clave para este dilema son os medios de comunicación e as escasas mostras de galego nas novas tecnoloxías. É moi habitual encontrar unha mesma información escrita en varios idiomas (inglés, castelán, catalán ou incluso éuskaro), e non ver reflectida a opción en galego. En conclusión, podemos ver como, hoxe en día, unha persoa que fale inglés ten grandes facilidades para comunicarse e entenderse en Galicia, aínda que a súa fala non sexa a propia do territorio. Con isto, podemos dicir que só teriamos facilidades completas e absolutas se fósemos monolingües en castelán.

 Supoñendo que fósemos libres de falar calquera lingua no ámbito familiar, o seguinte lugar onde as persoas pasan máis tempo na súa vida é o traballo. Neste segundo ámbito temos claros exemplos do condicionamento: un profesor non pode empregar o idioma que queira á hora de impartir clase. Segundo a lei, materias como física e química ou matemáticas deben ser impartidas obrigatoriamente en castelán durante o período obrigatorio de Educación Secundaria. Se nos adentramos máis no ámbito académico, veremos que a lei recolle a obriga da repartición do número de materias en tres linguas distintas, dúas oficiais e unha estranxeira: 33% en inglés, 33% en castelán e 33% en galego.

 Tras tratar estes exemplos, decatámonos de que non temos liberdade en absoluto á hora de decidir que lingua queremos empregar habitualmente, e por iso en Galicia incrementa cada ano o número de castelanfalantes. Os casos de diglosia son máis frecuentes do debido pola falta de liberdade e, de non poñerlle fin a esta situación, seguiremos sendo escravos das linguas que se nos impoñen.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.