Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
En vías de extinción

9788499143828

Por Paula Cambeses (2º Bac. A)

Gaia é unha rapaza diferente, que non aspira a situarse no centro da periferia, senón que prefire observar a vida dende a marxe. Ela é unha desas persoas que reivindican o monte como berce persoal e non se deixa influenciar por ninguén. Está fóra de todas as convencionalidades e non pretende caerlle ben a xente. Unha persoa solitaria que loita polos seus dereitos e gaña a vida como intérprete. Con todo, un día, o seu traballo provocará que se cruce cunha das cantantes de máis éxito do momento, pero isto non acabará con todas as súas certezas. Gaia seguirá defendendo os seus ideais e aproveitará a fama para poder facer chegar as súas visión ao maior público posible.

Así, neste libro, María Reimóndez trata unha gran variedade de temas. A defensa do feminismo, o apoio a unha visión do ecoloxismo e a reivindicación lingüística terán cabida nas páxinas desta obra. A autora denuncia a situación opresiva das mulleres durante o franquismo (representada na nai de Gaia) e defende o uso do galego en Galicia e os beneficios do plurilingüismo. Pero, María Reimóndez non queda só aí, senón que tamén trata do amor, do sexo, da liberdade individual (Gaia defende a liberdade individual, vai contra o mundo, pero ao mesmo tempo é ecoloxista) e, moi especialmente, do lesbianismo, temática ignorada na maior parte do ámbito literario. Tamén poderíamos observar unha crítica ás actitudes consumistas ou a importancia da beleza física. Gaia rebélase dunha gran variedade de formas, dende non depilarse ata protestar contra as discriminacións producidas no traballo. Esta rapaza excéntrica pretende acabar cunha sociedade decrépita.

maria-reimondez1Para contarnos toda esta historia, a escritora emprega unha prosa fluída con multitude de saltos temporais que provocan que o lector estea máis concentrado e sexa el mesmo quen teña que organizar a orde das accións. E, un feito peculiar, é que a autora presenta unha serie de discursos intercalados dentro do relato que nos fan achegarnos máis á protagonista e que serven para valorar o poder da oralidade.

Pese a todos os aspectos positivos da obra e a multitude de temas que nela aparecen, considero que avanza un pouco lenta. Céntrase demasiado na reflexión e moi pouco na acción.

Con todo, unha obra peculiar que non deixa indiferente. Moi recomendable para todos os que queiran desfrutar dunha novela chea de reivindicacións e crítica.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.