Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Hora Zulú

9788498654615

Por Paula Cambeses

Hora Zulú, escrito polo autor Santiago Lopo, pareceume un libro entretido, orixinal e para nada monótono. Trátase dun claro exemplo dunha novela na que o autor nos vai dando a spezas dun crebacabezas que debemos completar.

O misterio é basicamente o seguinte:  un home aparece desorientado e sen roupa aos pés dun acantilado. Semella non lembrarse de nada da súa vida e a súa actitude mental provoca o seu ingreso nun hospital psiquiátrico. Uns anos máis tarde, morre deixando un montón de preguntas sen resposta.

Será o lector o encargado de intentar descubrir as solucións do devandito enigma, por medio dunhas pistas que lle serán entregadas en textos de distinto xénero (poemas, informes médicos, cartas…). E, aparte de todo isto, mesmo aparecerán pequenas historias intercaladas con gran mestría dentro do relato que lle farán ser partícipe de feitos sobrenaturais. Esta técnica empregada, provoca que o lector non poida parar de ler o libro, porque quere saber que pasará na páxina seguinte e na seguinte. A intriga e a tensión mantéñense constantemente.

Pero, ademais de presentar un gran misterio, Hora Zulú trata de temas moi diversos e actuais. Tanto o amor como a defensa dun mundo ecolóxico (debemos coidar do noso planeta) ou unha reflexión sobre a loucura terán cabida dentro destas páxinas. O autor tampouco esquecerá falarnos sobre a necesidade de manter a toponimia galega e de respectar aos animais. Pero, sen dúbida, unha das temáticas máis salientables é a do tempo, que aparecerá dende o inicio do relato ata o final. Santiago Lopo xoga continuamente co tempo e fainos ser conscientes do seu paso e do que representa a simultaneidade.

untitledCentrándose no estilo, é un libro ameno cunha prosa facilmente entendible que permite avanzar rapidamente. Ademais, nótase que o autor domina todos os diferentes xéneros, o que dota á novela dun estilo propio.

Se tivera que buscar algún punto negativo do libro, sería o final. A pesar de que se compren todos os feitos explicados dun xeito razoable, gustaríame que falase un pouco máis de certos aspectos que non podo citar sen desvelar o enigma.

Con todo, unha obra peculiar e interactiva que recomendaría especialmente a aqueles ou aquelas que lles gusten as novelas de policías repletas de misterios.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.