Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando / Globalingualizando
O que agochan os proxenitores españois cando lles falan en inglés aos seus descendentes…

Polo seu interese, deixamos aquí unha tradución ao galego dun artigo que se publicou en El Español o ano pasado.

O título do artigo é “O que agochan os pais españois cando lle falan en inglés aos seus fillos” e xa o subtítulo está moi ben escollido. Non deixedes de lelo, porque aínda que se escribiu en Madrid e fala desde a perspectiva do español fronte ao inglés, seguro que mudando só o nome das linguas poderiamos aplicalo ao noso territorio. Sobre todo, fixádevos na reflexión final.

 A obsesión por inculcarlles aos cativos unha lingua non materna mostra a decadencia educativa: é o ‘fillo como obra’, o fillo ‘fabricado’.

 Hai algo moi turbador en oír a un mozo de Madrid falarlle en inglés aos seus fillos, é coma se o vises levando unha máscara. Creo que non son o único para o que cada vez é máis habitual, ao baixar ao parque coas miñas fillas, escoitar a outros pais falándolles en inglés aos seus cativos. E non é que en Madrid haxa cada vez máis ingleses: trátase de pais españois que se volven anglofalantes circunstancialmente, ao falar cos seus fillos. Que hai detrás da decisión de falarlles en inglés aos fillos? Por que esta decisión ao realizarse produce unha escena inquietante? A que responde a sensación de ”máscara” que xera?

É evidente que eses pais aman aos seus fillos e falarlles en inglés forma parte do desexo de educalos o mellor posible. En certa medida este desexo atravesa a toda a sociedade: todos ou case todos os pais queremos que os nosos fillos aprendan inglés. Por iso os colexios privados ingleses adoitan ter listas de espera para conseguir praza e por iso os programas de bilingüismo nos colexios públicos, por mal que funcionen, son sempre un reclamo electoral efectivo.

PAI RICO VS PAI POBRE

A decisión de falarlle a un fillo nunha lingua allea polo seu propio ben ten unha declinación na clase alta e outra na clase baixa. A lexitimación do pai rico que lle fala ao seu fillo en inglés pode ser debido a certo cosmopolitismo, a idea de que se sabe inglés desde bebé, poderá vivir onde queira, comunicarse con todo o mundo, será “libre”.  A motivación do pai pobre que lle fala ao seu fillo en inglés é o anhelo de ascenso social: se aprende inglés desde o principio terá máis oportunidades laborais, estará mellor preparado para saír adiante e moverse con axilidade na xungla do mercado.

Pero o que chama á atención en ambos os casos non é que un pai queira que o seu fillo saiba inglés, senón aquilo que está disposto a facer para logralo: resignar a comunicación espontánea na súa lingua habitual con tal de facer mellor ao fillo. O inquietante nesa forma de educar é a relevancia suprema que adquire o ideal de ”facer mellores” aos fillos. A fantasía mesma de estar ”facéndoos”, ”fabricándoos” con máis ou menos prestacións. É a idea do fillo como obra a que rexe no pai que decide non falar ao fillo na súa lingua (a que usa con todo o mundo, no traballo, na rúa, na mesa e na cama), senón aproveitar todo o tempo que poida para ”agregarlle” outra.

AS PEQUENAS VIRTUDES

A escritora italiana Natalia Ginzburg recomendaba orientar a educación dos fillos para chegar a ensinarlles non as ”pequenas virtudes”, senón as grandes, ”non a astucia, senón a franqueza e o amor á verdade; non a diplomacia, senón o amor ao próximo e a abnegación; non o desexo de éxito, senón o desexo de ser e saber”. O anglofalante de parque infantil está obnubilado polas pequenas virtudes: elixe a forxa do fillo por encima da relación co fillo. Elixe o intencionado, o voluntario, o pensado sobre o espontáneo, o tenro, o afectivo. Transmite o desexo de éxito e non o desexo de ser e saber.

É a máscara da paternidade como emprendedorismo o que nos turba no angloparlante de parque infantil. A lóxica da utilidade poñendo baixo o seu dominio mesmo o nivel máis básico da educación, o escenario mesmo de toda crianza: a lingua materna.

A pensadora Hannah Arendt tivo que fuxir da súa Alemaña natal en 1933 debido á súa orixe xudía. Exiliouse primeiro en Francia e máis adiante en Estados Unidos. Cando xa nos anos 60 preguntábanlle que quedara vivo para ela da Europa anterior a Hitler, Arendt respondía: ”O que queda é a lingua materna”.

Chegou a falar moi ben o francés e gañábase a vida escribindo libros e dando clases en inglés, pero negouse sempre, de maneira consciente, a perder o alemán. Hai unha diferenza abismal entre a túa lingua materna e todas as demais. O totalitarismo quitáralle a súa casa, o seu barrio, a súa cidade, o seu traballo, a súa familia e os seus amigos; pero fronte a toda esa perda quedaba sempre o fogar infinito da lingua materna. De verdade vale a pena baleirar o fogar da nosa lingua para facer máis competentes aos nenos?




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.