Imaxe de cabeceira
Sabías que...
“A cabeza do dragón”. Entrevista a Quico Cadaval

Hai un tempo, o auditorio rianxeiro tivo a sorte de ser o lugar de representación da última obra de Quico Cadaval, “A cabeza do dragón”.  Ademais da fantástica posta en escena á que puidemos asistir, Bernal Muíños e mais eu, Aida Barros, decidimos realizarlle unha entrevista a este gran dramaturgo. Aquí vola deixamos:

- Coma sempre. Temos curiosidade de coñecer como iniciou todo. Gustaríanos saber que foi o que fixo que xurdira o teu interese no teatro. Como ocorreu?

 Pois, desde que era pequeno xa me interesaba pero, máis adiante tiven a sorte de atoparme con diversos clásicos, concretamente clásicos rianxeiros. Aos trece anos pareceume boa idea levalos a escea, sendo unha iniciativa só de alumnos. Daquela non había xeito de ir ao teatro e como moito representábase algún diálogo cómico nos festivais de fin de curso. A xente lembrábase do teatro popular, mais foi cando se tivo conciencia do teatro nacional cando se lle comezou a dar realmente importancia. Durante a miña época universitaria, a pesar de que non había onde estudar teatro, tiven a sorte de xuntarme con xente dese mundo e foi desde ese momento cando comezou todo.

- Comenzaches a contar historias de pequeno aos maiores da túa zona e á xente que pasaba pola taberna de túa nai. Cres que esa tradición de contacontos morrerá cando xa non haxa vellos que transmitan esas historias? Ao pasar cada vez máis tempo na “vida virtual” que na real, estase a contribuír nesa extinción?

 Por un lado, os vellos morren. En África dise que cando morre un vello é coma se ardese unha biblioteca, no sentido de que cando se vai, leva con el todos os seus coñecementos. Nós estamos nunha situación máis delicada. A nosa cultura popular viviu anos difíciles nos anos cincuenta, nos que era considerada como unha manifestación do noso atraso. O que nós temos no país é unha gran cultura oral, que pasa de xeración en xeración. Eu penso que non morrerá, simplemente o que nós contemos nun futuro será distinto do que nos contaron os nosos avós sobre os seus días mozos.

En canto ao mundo virtual aínda non sabemos moi ben o que vai pasar. A min chámame á atención unha cousa. Nos anos oitenta, coa chegada das novas tecnoloxías dicíase que ía morrer a cultura oral e escrita, que dominaría a cultura audiovisual. Mais, todo é unha gran ironía porque, na actualidade, coas novas redes socias e aplicación como Facebook ou Whatsapp, o que fixo a xente foi volver a escribir. Xa sexa por unhas razóns ou outras a cultura literaria non morreu polo progreso tecnolóxico. Creo que non hai que ser alarmistas.

- Se comparamos os espectadores que asisten a obras de teatro ou a calquera outro espectáculo artístico como pode ser a danza ou a música, coa xente que ve fútbol, obsérvase unha gran desigualdade. Fai falta máis cultura no noso país? Cambiar esta situación está en mans dos cidadáns ou o asunto chega máis arriba?

 É un pouco unha cousa de todos, o que non podemos é pedirlle ao Estado que o faga todo. O que pasa é que teñen que ser iniciativas de grupos de interese coma vós. O importante é saber o que queremos facer coa cultura, pois é un campo moi extenso, non só se reduce a ir ao teatro e ler libros. As festas, as manifestacións, as iniciativas xuvenís, … Todo iso é cultura.

- Mirando cara o futuro e vendo o que hai ao teu redor, que dirías sobre a visión da xuventude acerca do teatro? Veslle futuro se segue pola senda actual?

 Eu penso que si, pero creo que os creadores teatrais temos que ter moita consideración coa xente nova que normalmente estades mal informados ou intimidados por ter ido ver obras que non eran do voso interese ou non vos gustaron. Non digo que volo haxa que dar todo mastigado. Hai a idea de que a xente nova non ten cultura, que lla hai que dar, pero iso é non entender o significado da palabra. Hoxe na representación vaivos soar A Guerra das GalaxiasDragon Ball, algúns videoxogos… O que facemos coa obra de Valle-Inclán é adaptala, pero con iso non me refiro a facela máis facil, senón a mesturala coa cultura actual, facela máis próxima.

- Pasando á obra da que hoxe mesmo poderemos desfrutar, estamos falando, nada máis e nada menos que da primeira adaptación dunha obra de Valle-Inclán tras 70 anos de prohibición por parte dos descendentes do escritor. Que significa para ti ser o primeiro en poder completar un proxecto coma este?

 Eu non teño ese tipo de ansiedade de ser o primeiro ou o campión. Penso que é unha festa de todos. Como xa se fixera con moitos outros escritores, agora tamén poderemos desfrutar de Valle-Inclán. Ademais penso que este escritor abrirá unha nova porta, amosaranos unha nova forma de ver o teatro porque foi todo un vanguardista.

- Esta obra, “A cabeza do dragón”, foi xa un éxito desde o seu estreo. Que cres que é o que provoca esta reacción? Que é o “especial” desta obra desde a túa perspectiva?

 Pois o éxito vén por varias felicidades acumuladas. Unha é a felicidade de ver e oír unha obra que, cando a lías no libro non che parecía que tivese tantas posibilidades. Outra é que é algo que che move. O teatro cambia múltiples veces de punto de vista, por exemplo, pode que haxa un cantor do que non che gusta o seu estilo ou o seu xénero musical, pero impresiónache como o fai. Aquí hai actrices e actores impresionantes. Logo penso que é unha obra que ten os méritos dos clásicos, que todos lle poden sacar unha tallada especial. Desde meniños pequenos ata académicos.

- Nas obras que levas dirixidas e/ou escritas son habituais curiosos personaxes, os cales pode que non moitos imaxinasen como protagonistas. Mulleres pirata, traficantes, inmigrantes ilegais e moitos outros teñen aparecido en escena. Ten este tipo de personaxes algunha finalidade? Se é así, cal é?

 Unha das ideas é  demostrar que todos podemos ser protagonistas da nosa historia. Queremos amosar que á parte dos típicos papeis de amantes, piratas, reis e raíñas hai outros mundos. Precisamente na obra de hoxe aparecerá un conto, un conto tradicional, do típico cabaleiro que loita contra o dragón para salvar ou conquistar á dama (depende como se vexa) e ao mesmo tempo aparecen personaxes da vida real, que teñen máis medo a non ter que comer que a que os coma un dragón. É aí onde aparece a realidade, aparece Valle-Inclán, quen metía pinchos ou doses de realidade en medio da fantasía.

- Finalmente gustaríanos saber algo máis sobre a túa visión do teatro e que ademais é unha cuestión que a miúdo formulamos. Moitos din que interpretar é un don, que non se pode aprender. O teatro faise ou estúdase? É algo innato ou posible de acadar coa práctica e dedicación? E, como actor, que consellos lle darías a alguén que queira facer teatro?

Eu cambiei moito de opinión acerca deste dilema ao longo do tempo. A verdade é que, por un lado, as cualidades innatas non se poden aprender. Pero ti tes unhas cualidades e con elas tes que practicar, divertirte, aprender, facelas ao revés, equivocarte… O que non podes pretender é que só co innato o resolvas todo. Despois hai xente que sen ter ese don traballa duro e consegue os seus obxectivos. Eu non vou animar a ninguén, o que si é que digo que a xente que si ten cualidades ten que traballar, se cadra, máis ca a outra. Pero é verdade que a cousa é así. Veredes que hai actores cunha gran expresividade corporal e outros cunha gran dicción. Cada un ten os seus fortes.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.