Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
INCHAZÓN: Artigo gañador do XIII Premio do Concello de Carballo

O artigo “Inchazón” da médica Iria Veiga  gañou O  XIII Premio a artigos xornalísticos de lingua do Concelo de Carballo que se fallo co gallo das Letras galegas. Se aínda non o lestes (saíu publicado en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.), non perdades este estupendo texto sobre a lingua na sanidade e, por extensión, na nosa sociedade:

Iria Veiga

Un enorme círculo vermello e un H maiúsculo, seguido dun signo de exclamación. Esa foi a maneira na que contestaron a miña primeira solicitude dunha proba diagnóstica, o meu primeiro día como médica residente. A petición poñía: “Inchazón en membro inferior esquerdo, sen evidencia de traumatismo previo. Solicito descartar fractura”. Á radióloga debeulle parecer tan mal aquela falta de H, que nin se molestou en comprobar un coñecemento que, por outra banda, debeu acreditar para ocupar a súa praza.

Despois, virían centos de explicacións, cuestionamentos e comentarios, case sempre por parte de compañeiros, e non de pacientes. Respondín tantas veces á pregunta “e ti, por que falas galego?”, que xa teño unha expresión e unha resposta automática preparada. Sempre contesto: “e por que non?”, con sorriso imperturbable. Que a inmensa maioría dos pacientes da miña área falen galego, que case todo o persoal o empregue como lingua habitual, que me negue a empregar a lingua como marca de clase que me diferencia das persoas ás que trato… todas eses non parecen ser motivos suficientes, nin suficientemente obvios. Ten que existir outro motivo, oculto e inconfesable, para empregar unha opción diferente á non marcada. Presentar unha sesión clínica ou escribir un informe de alta, xa non digamos un informe xudicial, en galego, tamén semellaba ir traer múltiples problemas, aínda que finalmente non pasaba nada.

Posiblemente, ningunha das persoas que fan esas preguntas teñen unha postura consciente en contra do galego. A radióloga que contestou aquela petición fíxoo por pura e simple ignorancia, non por malicia. Porén, a pregunta, “por que falas galego?” cobra un significado moi concreto á luz de todos estes detalles cotiás. Por unha banda, por que falas galego sendo médica, tendo unha profesión de prestixio social? Quen pregunta ten unha noción inconsciente de que a lingua do coñecemento, da ciencia e do prestixio non é o galego. Por outro, por que falas galego, a pesar das múltiples, pequenas e incómodas trabas que che poñemos entre todos diariamente? Por que a estratexia de desalento que tan ben funciona está fallando?

En medicina, traballamos analizando síntomas e signos superficiais que desvelan patoloxías máis profundas. Aquel círculo vermello era o primeiro síntoma observable dun trastorno co que todas as que falamos galego loitamos cada día.

——————

O xurado escolleuno entre os 42 presentados e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.250 euros pola súa sinxeleza, concisión e capacidade de incidencia no público a través dun texto con estrutura circular que pon de relevo a relación entre lingua e poder social. A través dunha experiencia concreta dunha médica visibilízanse prexuízos sobre a lingua e a necesidade de superalos. Desde o xurado considérase que o artigo pode incidir positivamente no prestixio social do idioma”.

Iria Veiga Ramos é veciña de Santiago de Compostela e é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Está interesada especialmente na divulgación científica e tamén a lingua, mantén o blog O outro lado do espello e participa en iniciativas divulgadoras.

O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Paula Vázquez, xornalista; Xosé Manuel Pereiro, xornalista; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.

Nas doce edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures ou Borxa Tenreiro.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.