Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Carlos Casares
Carlos Casares: Obra narrativa

Neste artigo un repaso por toda a narrativa de Carlos Casares. Continúa lendo!

VENTO FERIDO

VENTO FERIDO2Unha ducia de relatos curtos forman Vento ferido, o libro que deu a coñecer a Carlos Casares en 1967 no entón nacente panorama literario galego. Nesta primeira obra, o autor toca xa algúns dos temas que serán fundamentais na súa traxectoria: a memoria, a desesperanza e a violencia. (Vento feridoVigo, Editorial Galaxia, 1967 [15ª ed., 2002])

___________________________________________________________________________

CAMBIO EN TRES

CAMBIO EN TRES2A violencia diaria, exercida de pais a fillos, de homes a mulleres, entre compañeiros; a dureza da vida, primeiro nas cidades e despois no estranxeiro; e a falta de expectativas durante os anos centrais da ditadura. Con estes elementos compuxo Carlos Casares Cambio en tres, unha das súas obras máis experimentais, que entroncou no seu día coa prosa europea de vangarda. (Cambio en tresVigo, Galaxia, 1969)

___________________________________________________________________________

XOGUETES PARA UN TEMPO

XOGUETES PARA UN TEMPO2Na súa terceira novela, Carlos Casares acompaña ao protagonista, Elías Paz, desde a nenez nunha pequena vila ourensá ata os tempos de estudante universitario en Compostela. O texto enlaza nunha hábil mestura a segunda e a terceira persoas, no que é considerado o cumio da etapa máis experimental do seu autor. (Xoguetes para un tempo prohibidoVigo, Galaxia, 1975 [9ª ed., 2002])

___________________________________________________________________________

OS OSCUROS SOÑOS

OS OSCUROS SOÑOS2Nas súas páxinas preséntanse, con forte pegada cunqueiriana e a modo de descubertas bibliográficas cheas de humor erudito, as peripecias de dous guerreiros nórdicos, Torbjörn e Orm, que atormentaron a Mariña de Lugo tanto de vivos coma de mortos; as proezas do compostelán Antonio F. Caaveiro, alquimista; as invencións do avisador alaricano Narciso de Acuña, que adornaba os acontecementos da vila e corte para deleite do seu correspondente en Galicia, un fidalgo melancólico; os intentos dun frade portugués por descubrir a falsidade dun xudeu de Pontevedra do que se dicía que era inmortal; ou a aventura paranormal de Cagliostro en Compostela. (Os escuros soños de ClíoSantiago, Edicións do Cerne, 1979 [9ª ed., 2002])

___________________________________________________________________________

ILUSTRÍSIMA

ILUSTRÍSIMA2A chegada do cinematógrafo a unha pequena cidade galega desata o enfrontamento entre o bando máis intransixente do clero, apoiado polas profecías apocalípticas dunha monxa coa aparente capacidade para levitar, e o talante aperturista do bispo, un home tan devoto como amante dos praceres terreais e do trato coa xente do común. (IlustrísimaVigo, Galaxia, 1980 [14ª ed., 2000])

___________________________________________________________________________

OS MORTOS DAQUEL

OS MORTOS DAQUEL2A descuberta do cadáver do boticario Modesto Vilariño Dacal nos días posteriores ao levantamento de xullo de 1936 desencadea unha investigación que desvela o clima de enfrontamento que medra desde hai anos nunha pequena vila galega. A rivalidade entre as forzas progresistas, representadas polo mesmo boticario e un sindicalista ao que se busca en relación co suceso; e as reaccionarias, encabezadas polo propietario da fábrica local e o cura da parroquia, vaise debuxando a través das páxinas do informe do investigador do caso. (Os mortos daquel veránVigo, Galaxia, 1987 [3ª ed., 1996])

___________________________________________________________________________

O GALO DE ANTIOQUIA

Humor que raia o absurdo nesta fantástica e divertida historia dun home que se converte en galo.

Un bo día, o ferreiro Antonio Madarro “O Calatrón” pon un ovo. Ao pouco tempo comezan a saírlle plumas e, preocupado, vai ver ao cura. ¿E será que lle entrou o demo no corpo? Un libro con estupendas ilustracións de Andrés Meixide. (O galo de Antioquía, Santiago, Castromil, 1994)

___________________________________________________________________________

DEUS SENTADO

Unha muller contempla desde a ventá a triste existencia, nun piso ao outro lado da rúa, de quen noutro tempo fora un afouto escritor e profesor. A partir da súa mirada, Carlos Casares recrea enDeus sentado nun sillón azul todas as tensións e os medos dunha época, a da posguerra española e a Segunda Guerra Mundial, nunha pequena cidade galega: a represión a todos os niveis, unha resistencia política destinada a fracasar, a resignación dos derrotados, a arrogancia dos vencedores e o sentimento de culpa dos intelectuais que colaboraron co golpe desde posicións antidemocráticas. (Deus sentado nun sillón azul, Vigo, Galaxia, 1996 [4ª ed., 2000])

___________________________________________________________________________

UN POLVO XIGANTE

Un home rememora o episodio que marcou a súa infancia: a desaparición do criado Nicolás mentres os dous pescaban, arrastrado ao fondo do mar por un mítico polbo xigante. Nun primeiro momento, o rapaz cre o que lle conta a Delfina: que o polbo non é outro que o xastre de Agüeiros, amante da troula, reencarnado e en busca que compañeiros de festa. Co tempo, e tras moito debate con Delfina, o mozo deixará de crer a historia… ou non de todo. (Un polbo xiganteGalaxia, Vigo, 2000)

___________________________________________________________________________

O SOL DO VERÁN

O suicidio do vital e atractivo Carlos aos 27 anos de idade desencadea os mecanismos do recordo en Helena, a muller que o atopou deitado na bañeira despois de se pegar un tiro. Helena, amiga do finado desde a infancia, repasa unha historia común que se remonta aos anos da nenez e as vacacións de verán compartidas. (O sol do veránVigo, Galaxia, 2002)

 ___________________________________________________________________________
RAMÓN PIÑEIROVICENTE RISCO




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.