Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura
“A dúbida” de María Reimóndez. Reseña

 Por Fátima Ordóñez (2º Bac. A)

Deli descobre un día pola mañá, coa chegada repentina da policía á súa casa, de que o seu home Vicente está acusado da violación dunha menor. A situación aínda empeora cando se descobre que a rapaza violada é Ana, a filla dos seus mellores amigos. A novela parte dun feito de gran peso para o desenvolvemento posterior da obra xa que, a partir del, xurdirán temas moi presentes e de debate na actualidade como é o caso da corrupción, da prostitución pero sobre todo do papel da muller na sociedade de hoxe.

En todo momento, a autora pretende facernos entrar nos pensamentos da protagonista e vernos na situación que está a vivir Deli. Dende a miña opinión persoal, o maior problema de todos os que aparecen na obra é se Deli debe apoiar ao seu marido sabendo que non é inocente como ela mesma coñece, ou sacar valor e a diferencia de como farían moitas mulleres ocultando a verdade, ir en contra do seu marido e amosarlle a todo o mundo que realmente violou a Ana.

Trala chagada da policía á súa casa polo incidente, o primeiro paso máis complicado que Deli se ve obrigada a facer é ir a declarar. O que realmente sorprende neste proceso xudicial é o feito de que os inspectores e os policías tomen á muller de Vicente por parva por ser do sexo feminino en primeiro lugar e en segundo, por ser miúda. Creo que María Reimóndez reflexou moi ben o que as mulleres teñen que experimentar no seu día a día.

A partir das achegas doutra xente, e do que Deli vai descubrindo pouco a pouco, vaise decatando de que o seu marido intenta librarse do que fixo, utilizándoa. Neste momento é cando se coñece que tanto Vicente como o alcalde Rafael, implicaran ao pai de Ana nun suposto caso de corrupción para así tapar as contas dos prostíbulos aos que ámbolos dous acudían. Cabe aclarar que Vicente ía con frecuencia de viaxe a Madrid por supostos asuntos de traballo, se ben Deli nunca se preocupou do que ía facer alí e nin moito menos se imaxinou que fora en busca de menores que se prostituían. Asemade, tamén é un dato importante o feito de que Deli, a pesar do seu miúdo corpo e o seu carácter tan débil, traballaba nun banco. Pero isto non era todo. Ela era quen analizaba as contas de cada persoa e ordenaba a quen se lle debía dar un préstamo e a quen non. Analizar as contas bancarias era o seu. Na obra todos se sorprenden cando se enteran de semellante cousa. Xa que logo, vemos como María Reimóndez volve a tratar o tema da muller sutilmente.

Tamén é moi importante na obra, o momento no que Deli ten que presidir o interrogatorio que se lle fai a Ana e no cal queda completamente convencida de que o que di a rapaza é verdade. Ana dixo cousas que só ela e Vicente facían na súa intimidade sexual e que ninguén máis sabía. Tras escoitar as palabras de Ana estaba máis que segura de que Vicente a estivera enganado durante todos estes anos nos que dicía que xogaba ao xogos de nenos pequenos coa rapaza cando quedaban a soas na casa.

Unha vez que Deli se entera de todo o que fixo o seu marido sen ela nunca saber nada, comeza a cuestionarse se realmente coñecía ao seu marido. Este tamén é un dos fíos que a autora da obra se molesta en tratar con tino e profundidade. Coñecen todas as mulleres verdadeiramente ao seu marido?

Con todos os datos recollidos até o momento, Deli decide que non vai axudar ao seu marido a saír do cárcere, nin ocultar que realmente cometeu o acto do que está acusado. A muller de Vicente vai un paso máis alá e sorprende sendo ela quen quere asegurarse de que o seu marido pague polo que fixo e sexa condenado ó cárcere. Este dato contrasta co rol que levan facendo as mulleres ao longo da historia, defendendo ao marido e estando sometidas a el. Deli rompe esa norma para decidir por si mesma e poñer por diante a verdade ante todo.

Na procura de probas que o acusen, a muller de Vicente, coa axuda do inspector a quen lle contou o que tiña pensado e o cal quedou abraiado ao ver á verdadeira Deli, viaxou a Madrid para procurar dar con algunha das prostitutas das que visitou Vicente. A tarefa non foi doada, xa que as redes se prostitución son moi complexas, sobre todo cando hai menores de por medio. Despois dunha longa espera, Deli finalmente atopa a unha prostituta que se lembra de Rafael e a outras que se lembran de Vicente.

Neste punto da trama, no que parece que todo remata, xorde o problema. Ningunha das prostitutas acepta declarar. Se ningunha declara, non hai probas. Se non hai probas, Vicente pode librarse do cárcere. Case vencida pola situación que estaba a pasar, Deli voltou á casa, e entrou no cuarto de costura como de costume. Alí quixo rompelo todo. Foi entón cando se decatou de que existía unha última opción. Como foi mencionado ao comezo da reseña, a muller de Vicente era das mellores bancarias. Aí estaba a clave. Tiña acceso aos movementos bancarios do partido político no que estaban metidos Rafael Torreiro e o seu marido. Alí foi onde atopou transferencias dunha empresa que sen dúbida debía de ser fantasma, precisamente nesas supostas viaxes de negocios. Deli vía unha chafallada contable absurda que era unha proba irrefutable. Creo que ningún deles pensou que unha persoa, e menos Deli, fora chegar tan lonxe.

Finalmente no xuízo, Vicente foi condenado, pero Deli quedou sen a amizade dos pais de Ana e da rapaza, quedou sen casa e sen emprego. Perdera case todo a partir da mañá na que entraron varios policías para deter ao seu marido. Á xente interesáballe o escándalo, e a noticia de que a muller de Vicente dera as probas suficientes para metelo no cárcere era moi vistosa. Deli non estaba a pasar a mellor situación, pero era feliz.

Así é como María Reimóndez lle da final á obra, sendo Deli feliz. Non aclara o motivo, pero está claro que o que ela fixo non o fixeran moitas ou ningunha muller antes. A súa conciencia podía descansar en paz. Ademais, agora tiña unha nova amizade, o inspector que era viúvo e tiña unha filla pequena. No libro danse poucos detalles pero a min danme a entender de que é posible que comece unha nova historia entre estes dous.

E así é como remata esta xenial obra de María Reimóndez, chea de interesantes temas e dun profundo contido que avanza linealmente con gran velocidade.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.