Por David Galbán (2º Bac. A)
O pasado xoves, como xa é un clásico no IES, tres dos alumnos de física de segundo de bacharelato tivemos a oportunidade de acudir á Masterclass Europea de Física de Partículas impartida pola USC.
A primeira impresión foi dura, posto que a viaxe comezou ás sete da mañá, pero o sabor de boca ao final do día foi moi diferente. Comezamos por dúas charlas. A primeira, impartida por Diego Martínez Santos, introduciunos ao mundo da física de partículas ampliando un pouco os nosos coñecementos sobre ela. A segunda, de man de Xabier Cid Vidal, trataba sobre aceleradores e detectores de partículas, centrándose sobre todo no CERN, xa que alí traballaron os nosos profesores dun día, e é cara onde estarían orientadas as posteriores prácticas.
Logo de dividirnos en grupos, desprazámonos á facultade de óptica, onde nos explicarían como facer a práctica para logo deixarnos analizar 100 resultados obtidos no CERN ca fin de identificar a partícula que desembocou cada desintegración. Este traballo levounos aproximadamente unha hora, pero no centro de investigación, provócase, aproximadamente, unha colisión por nanosegundo, polo que nos explicaron que o traballo dos físicos do CERN non é só analizar os resultados obtidos, senón buscar unha forma de conseguir que sexan analizados á velocidade requirida. Ao fin e ao cabo, a mecánica cuántica é cuestión de estatística, polo que canto maior sexa o número de análises realizadas, maior será a precisión do traballo. Así descubrimos bosóns W, tanto positivos como negativos, quebrámonos a cabeza intentando descifrar o signo dalgún muón e atopamos algún que outro bosón de Higgs (que xa non está tan escondido).
Despois da comida, a cal financiaron tamén dende a organización, non só rematamos a práctica, senón que, unha vez feita, comezamos unha conexión en directo co propio CERN, así como con outros rapaces que dende diversos lugares, tales como Helsinki, Pozega, Manila…, realizaban a mesma xornada ca nós, polo que puidemos comparar os resultados obtidos. Finalizamos cun pequeno test por parte dos dous científicos que dende Xenebra nos atendían, o cal constaba de sete curiosas preguntas sobre o CERN e a física de partículas en xeral. Seguidamente, concluímos a xornada coa entrega de diplomas.
Sen dúbida, esta xornada aportounos un maior coñecemento sobre o que é o mundo profesional na ciencia da actualidade, e serviu como incentivo, polo menos para min, para coñecela o mellor posible e aspirar a ser como os xoves científicos que actualmente xa non son a promesa do futuro, senón que son parte del.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]