Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creador@s
Áine

Non acostumo escribir sobre o tema que quero tratar hoxe, mais creo que coa miña idade pórme seria de vez en cando non me ben nada mal, nin a min nin a todos aqueles que me len, sobre todo ós que desexan que chegue este día da semana no que publico algo.

Non demorarei isto máis do que debo… O asunto pode ser doado para algunhas persoas, mais ó mesmo tempo é ben complexo para outras (para min tamén). Hoxe escribirei, pois, sobre a lingua. Sobre a miña, non outra… Sobre o galego.

Como ben saben aqueles que me seguen de cerca, teño unha filla de catro anos. A miña nena chámase Áine, e souben dende o día no que naceu que nunca ía querer a un ser tanto como a quero a ela. Conforme foi medrando, todo aquilo que realizaba, consciente ou inconscientemente, facía que crecera dentro de min un inxente sentimento de orgullo, e non so por ela, senón por aquela persoa na que me estaba convertendo eu: O seu primeiro sorriso, a súa incansable procura da miña persoa cando me afastaba dela tan so un pouco, os seus primeiros pasos, etc, pero se hai algo que a todo proxenitor lle emociona son as primeiras palabras dos seus fillos, e eu non ía ser menos. A primeira palabra de Áine foi “mamá”, e xa un se pode imaxinar como me sentín no momento no que a escoitei pronunciar isto: Inmensamente feliz. Pouco a pouco, o seu vocabulario foi medrando e eu intentei sempre que este estivera libre de castelanismos, e a pesar de que os seus avós os cometeran, e mesmo a súa propia nai ás veces, en raras ocasións o facía ela. A miña pulguiña falaba, dentro do que cabe e con respecto á súa curta idade, perfectamente a lingua da súa terra, da que mamou, da que mamei eu e da que mamou a miña nai, con tan so tres aniños.

Un pode ser máis ou menos consciente da situación actual do galego e pode querer ou non querer actuar con respecto á súa normalización. Eu, consciente e cansa, decidín intentar mudar a realidade empregando así a mellor arma de todas: Unha xeración nova. Crendo que eu gañara esta “loita”, caeume o ceo enriba cando Áine comezou á escola:

- Que tal no colexio, miña ruliña? -dixen.

- Moi bien! Hoy pintín muchas cousas, -respondeu ela- mira!

- Que riquiña! -dixo o avó- mestura idiomas.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.