Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creación literaria
Tranquilo ou silenciado

Por David Galbán

A tranquilidade é un termo moi relativo. Unha persoa pode entender que está tranquila por non ter nada que facer, estar sentado/a facendo unha tarefa relaxante. Outras, pola súa parte, poden estar perfectamente tranquilas de festa con amigos polo simple feito de non ter preocupación ningunha na cabeza. Por isto, o ideal de vida tamén é propio de cada persoa, atendendo ó tópico de que non hai dúas persoas iguais. En moitos casos, sobre todo cando existe a posibilidade de elixir, créase unha relación entre o traballo ideal e o tipo de tranquilidade que alguén busca.

            É innegable que unha vida rutineira, que se cadra non ten por que ser a máis provista de emocións, pode chegar a ser moi cómoda. O feito de asegurar un traballo e poder vivir coa certeza de que o resto da túa existencia está arranxado faise moi atractivo. Grazas a isto, moita xente é capaz de soportar o seu día a día, non sendo quen de deixar no mañá unha incerteza que poida facer que se arruíne o día seguinte, ou mesmo que este se saia un pouco da regra. Sen dúbida, é algo co que moita xente se vai sentir identificado, pois é máis fácil afrontar unha realidade rutineira e segura que unha morea de ocos baleiros que só se poden encher e aclarar co paso do tempo.

            Non obstante, isto pode crear unha sobrecarga, o desgaste do bater da mesma onda na mesma rocha día tras día, que acaba por pulila e consumila. Moitas outras persoas temen precisamente iso, e, por tanto, a súa meta é non ter que atopar unha liña que non superar. Os ideais do bohemio: vivir no presente, gozalo, provocar que sexa un bulebule de experiencias, e comprender todas elas como necesidades vitais. É por isto que o feito de defender unha vida así sitúa a unha persoa na postura filosófica oposta á que mencionaba anteriormente. Pero pode existir un risco neste lado do camiño. Pode ser que atopar novas experiencias deixe de ser unha necesidade para converterse no que nun inicio se buscou evitar: un costume. E é que a busca continua, aínda que sexa do descoñecido, pode alcanzar certo grao de igualdade, chegando a crear unha rutina dentro do mundo do novo e inesperado.

            O sistema educativo español actual foxe deste dilema, ou busca facer que nós o fagamos. A gran maioría de nenos e nenas contan cunha gran don: a mente do soñador. Quen non quixo de pequeno ter unha desas profesións das que a maioría ten medo? Querer aspirar a máis, buscar nun mesmo o que se admira e poder ser a personificación do teu propio modelo ideal de vida son motivos polos que un pode chegar a loitar e conseguir con iso superarse a si mesmo. Pero cos anos, ese entusiasmo remata por tornarse nulo. Estuda, traballa, vive ben e non te compliques a vida a ti nin aos demais. Iso é o que a sociedade nos inculca. Iso é o que remata cos soños e coa creatividade dunha xeración que ten como cúspide alcanzar unha praza de funcionario. E todo isto para anos despois poder traspasar aos que veñen detrás esas mesmas ideas.

            Xa case non quedan adolescentes que queiran ser astronautas, futbolistas, bailaríns… agora predomina o estándar da suposta comodidade, o que nos di que cantas menos preguntas fagamos mellor, e que só hai que deixarse levar, intentando pasar desapercibido na sociedade que nos ensinou que así debería ser. Non é isto o que está rematando coa creatividade do mundo? Só queda cambiar as cousas. Conseguir que esas mentes que o sistema se encargou de cuadricular deixen de estalo, conseguir que eses mozos e mozas que queren ser adultos aspiren a volver a ser nenos. E que eses nenos nos que se convertan aspiren a soñar, a ser xente diferente, a ser eles mesmos e a non ser o que alguén quere que sexan. Só queda confiar en que nalgún momento isto poderá chegar a suceder, e que realmente sexamos nós quen decidamos se nos queremos mergullar na comodidade da rutina ou na busca da incerteza, na busca dunha continua busca.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.