
Este autor – na súa visita ao noso IES- non se limitou a recitar os seus poemas, senón que a través da lectura dos de outros autores do territorio español, puxo de manifesto a súa crenza en que a poesía está en todas partes. Así mesmo, atopou o xeito de facer poesía cunha revista para adolescentes, empregando para iso os típicos cuestionarios para saber cal é o teu carácter, lugar de inspiración para a súa obra Penúltimas tendencias.
Ninguén tiña moi claro cal era a definición de poesía, xa que este coloquio estaba a derrubar as ideas que tiñamos dese concepto. El mesmo dixo nunha entrevista que “Comezar a ler poesía con adolescentes pensando xa na interpretación textual e filolóxica coido que é un erro de enfoque, pois afogamos a paixón lectora co rigor academicista”.
Vendo que ninguén estaba plenamente seguro, repartiu unhas libras de chocolate para que cada quen collese un anaco e leu uns versos que definen un poema como “unha onza de chocolate: pequeno, escuro e o máis bo do mundo”.
Despois de escoitalo, estou en condicións de afirmar que o coloquio dun poeta, a pesar do que moitos poidan pensar a priori, pode resultar ben atractivo. Despois de seis anos no instituto, e polo tanto, tras asistir a uns cantos eventos similares, este foi o máis grato que recordo en toda esta etapa. E non debín ser o único a quen lle gustou, xa que durante o encontro escoitei dicir a alguén: “cala oh, que para unha vez que é interesante”. Rematado o coloquio, estou seguro de que a todos nos soubo a pouco, e que desexariamos que durase alomenos unha hora máis. A charla, en fin, a pesar de ter sido curta, tivo un sabor moi doce.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]