Por Laura Conde e Fátima Ordóñez
Quen nunca tivo a curiosidade de saber cal é a orixe do seu apelido? Agora ben, alguén pensou na posibilidade de que estivera castelanizado? Con estas preguntas en mente, iniciamos unha campaña de normalización no instituto dende comezos de curso. Entre os principais obxectivos, estaban provocar a reflexión sobre a identidade que nos dan os nomes o os apelidos, informar sobre o proceso de castelanización que sufriron durante décadas, así como das posiblidades que existen para galeguizalos e achegar o significado dos apelidos máis comúns do IES.
O proxecto constaba de tres fases. A primeira delas foi chamar á atención sobre o tema. Para iso, comezamos coa elaboración dunhas gráficas sobre a frecuencia dos apelidos no instituto. Foi un traballo laborioso, xa que implicou elaborar táboas a partir da base de datos do alumnado do centro. Coas gráficas feitas, puidemos observar que apelidos como Rodríguez ou Ordóñez eran dos máis frecuentes. Isto non rematou aquí, senón que fomos máis alá do centro, buscando cales eran os apelidos máis comúns de Rianxo e, máis amplamente, de Galicia. Neste punto, comprobamos que apelidos como Ordóñez, eran característicos de Rianxo, mentres que no resto de Galicia apenas destacaban. Todo este traballo está sendo amosado na entrada principal do centro, onde,ademais das gráficas, hai varios paneis dedicados a achegar información sobre a súa orixe histórica e sobre a galeguización de moitos que son frecuentes e están castelanizados.
A segunda fase está en proceso. Estamos deseñando unha campaña de concienciación sobre a importancia da restitución ao galego de apelidos que abundan entre nós e que a maioría non sabiamos nin que estaban castelanizados: Otero, Mosquera, Villanustre, Iglesias… Estamos tamén deseñando os cartaces cos que queremos que se saiba exactamente o procedemento que hai que seguir para galeguizalos.
A terceira fase está aínda incipiente e con ela pretendemos dar resposta a moitas das preguntas que temos nós e moitas compañeiras e compañeiros arredor de determinados significados ou cuestións relacionadas co tema dos apelidos. Para conseguir o noso obxectivo precisamos da axuda de expertos na materia, aos que xa nos diriximos a través da comisión de onomástica da RAG. Se aceptan a nosa proposta, teremos algunha sorpresa para todos os/as interesados/as. Estade atentos/as!!!
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]