Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
Carlos Negro e o significado da poesía

Por David Galbán (2º Bac. A)

IMG_20170214_133112Para a maioría da poboación, a poesía é concibida soamente como algo que nunha época tivo que ser estudada. Tristemente isto é algo moi xeneralizado, e moitas veces este feito provoca unha visión negativa sobre ela, converténdoa en algo elitista, inalcanzable para os non versados (nunca mellor dito), se ben é certo que algúns autores é o que buscaron. Fai hoxe unha semana que viu visitarnos unha persoa que buscou (e creo que en moitos casos conseguiu) abrirnos un pouco os ollos.

IMG_20170214_133151Carlos Negro apareceu un martes case de casualidade para os alumnos de segundo de bacharelato, pois na programación acordada para ese día non entraba nos plans esa última sesión. Máis alá de ser un autor que nos veu falar da súa obra, o que fixo foi mostrarnos o que realmente é a poesía, e ademais nun tempo record, pois o que se podería cualificar case como coloquio non chegou aos corenta minutos. Pese á brevidade, nese tempo foi capaz de amosarnos parte da súa obra e transmitirnos o que el entende por poesía, facéndonos por fin saír da burbulla teórica na que o sistema educativo nos envolve. Conseguiu que lésemos, escoitásemos e mesmo saboreásemos a poesía. Mostrounos como buscala, como desfrutala, como facer que algo cotiá, como ir lavar o coche, se converta nunha fonte poética. Sen dúbida, a extraordinaria capacidade oratoria do autor quedou demostrada polo abraiado das nosas caras, deixándonos prendados dese momento de silencio que se facía tan natural e á vez provocado que existía despois de recitar cada poema.

Ese silencio, ese momento de reflexión que duran os versos non escritos dunha obra é o que realmente significa a poesía para Carlos Negro. Un silencio que agora si que ten un significado para todos os que ese día puidemos presencialo. Non hai mellor maneira de apreciar un poema que léndoo, palpándoo e desfrutándoo. Iso é o que me levo da visita da cal, persoalmente, gustaríame ter gozado durante un tempo máis extenso.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.