Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Á sombra dos pseudónimos

hijo-del-hombre

Para nós Félix Muriel é o noso Instituto, para Rafael Dieste foi un pseudónimo que empregaba de xeito ocasional. Coma el, moitos ilustres da literatura utilizaron alias. Unha ampla nómina de escritores ocultaron a súa verdadeira identidade baixo alcumes: Azorín, George Orwell, Hergé, Pablo Neruda, Rubén Darío, Voltaire; por citar unicamente algúns dos máis notables.

Os motivos do uso de sobrenomes son moitos: coidar a privacidade, afastarse da sombra dalgún familiar famoso ou simplemente como unha estratexia de venda.

Agora ben, unha gran maioría de literatos que empregaban alcumes eran mulleres, que se ocultaban tras nomes masculinos para así poder publicar as súas obras. Outrora, nunha sociedade machista, o nome dunha muller nunca era tomado en serio, polo que era máis doado publicar coa identidade dun home. Así foi o caso da española Cecilia Böhl de Faber y Larrea, quen, sendo consciente disto, decidiu publicar tódalas súas obras baixo o nome de Fernán Caballero, as cales gozaron dun amplo recoñecemento.

Este feito foi mudado grazas á intervención de escritoras como Emilia Pardo Bazán, a cal tivo que soportar moitas críticas por negarse a ocultar a súa identidade, ou como Rosalía de Castro, considerada por moitos precursora do feminismo. Esta última autora atreveuse a manifestar a súa opinión en tempos ben difíciles, nos que a muller quedaba reducida a un segundo plano, chegando a afirmar que “Os homes miran peor ás literatas do que mirarían ó diaño”.

A afamada escritora da saga novelesca de Harry Potter, J.K. Rowling, publicou baixo o nome de Robert Galbraith The Cuckoo’s calling (El canto del cuco), xa que, segundo ela, quería fuxir da presión que sentira ó publicar as últimas entregas da saga Potter.

Aquela crúa realidade do pasado non só se daba no ámbito da literatura. A pintora norteamericana Margaret Keane, quen acostumaba a facer retratos de nenas cuxos ollos grandes reflectían unha profunda tristura e unha lastimosa soidade, foi testemuña de como o seu esposo Walter Keane comezou a atribuírse a autoría dos cadros que ela pintaba. A medida que a súa popularidade crecía, o seu marido esixíalle horas e horas de traballo, estando ela enclaustrada baixo sete chaves nunha habitación co fin de que non se descubrise quen era realmente a autora. Tras dez anos de anonimato e de cansarse dos abusos de Walter, decidiu separarse del e dicir a verdade, só para reclamar o que era seu: a autoría da súa obra.

Tras ver esta historia nunha das últimas películas de Tim Burton Big Eyes, inevitablemente me fixo pensar en todas esas mulleres artistas cuxas obras non puideron desfrutar do recoñecemento que merecían e que tiveron que vivir baixo a sombra dalgún home, debido ó sexismo que caracterizou dende sempre o mundo da arte e da cultura en xeral.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.