Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando / Globalingualizando
Anik Nandi, un “bengalego”
Por Luis Cernadas (2º Bac. A)
IMG_20170119_132029Visitounos o pasado xoves 19 de xaneiro Anik Nandi, un sociolingüísta de orixe bengalí. Este “bengalego” –como se fai chamar-, Doutor pola Heriot-Watt University de Edimburgo, está impartindo charlas sobre o idioma galego nos institutos a través dun programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Nandi, falando un galego moi correcto e fluído, charlou sobre as linguas minorizadas, citando como exemplos o galego en Europa e o bengalí na India. Tamén puxo de manifesto o maltrato que sofren estes idiomas, especialmente o galego, por mor dos prexuízos que seguen presentes na actualidade.
Agora ben, o obxectivo principal da charla non era comparar as situacións destas dúas linguas, senón que buscaba ofrecer argumentos para que o alumando galego utilice a lingua propia do país, en tódolos ámbitos da vida.
Nandi, puxo sobre a mesa as evidentes carencias de normalización dun amplo número de linguas, aportando un claro exemplo: unha festa cunhas cen persoas de todo o mundo. Baseándose en datos estatísticos, Nandi puido afirmar que case a metade dos participantes da festa non terían con quen falar na súa lingua propia, polo que se limitarían a bailar.
Falou tamén de que cada catorce días desaparece unha das 7.000 linguas faladas en todo o mundo, o que afecta moi negativamente á diversidade cultural que nos caracteriza como especie.
Alén disto, para facer máis amena a presentación, mostrounos varios contidos audiovisuais nalgúns dos múltiples idiomas do seu país, explicándonos como son algunhas festas locais e comidas propias. Referiuse igualmente a Bollywood, a industria cinematográfica hindi ubicada en Bombay, a cidade máis poboada da India.
Por último, na rolda de preguntas, entre as cales predominou o tema de como puido aprender tan rápido e tan ben a falar a lingua galega. Respondeu que non lle resultara moi complicado, debido a que xa sabía un pouco de castelán, que estudara algo das súas orixes, pero, sobre todo, “porque tiña interese”.



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.