Imaxe de cabeceira
Música ...de aquí e de acolá
Xincana e concerto para dar a coñecer a música galega

IMG_20161221_133730Hoxe, 21 de decembro, pechamos un trimestre que desde o ENDL dedicamos á música en galego cunha xincana especial e un pequeno concerto d’Os Rosales.

Ademais de xogos que se facían a ritmo da música dos grupos actuais que empregan o galego e mais dun divertido Galeoke, alumnado e profesorado aprendeu en seis charlas-obradoiro con músicos do concello de Rianxo e mais un convidado que chegou desde Trazo.

O proxecto para darlle a coñecer  ao alumnado, e mais ao resto da comunidade educativa, a cantidade de música de todos os estilos que se está a facer en galego tivo hoxe o acto de presentación pública, ao mesmo tempo que se clausuraba unha exposición que o alumnado comezou hai dous anos e que vai continuar ao longo de todo o curso. Desde Astarot a Sés, pasando por Nao, Marful, Carapaus, Roi Casal, Narf… así ata 35 cartaces de grupos ou solistas elaborados pola rapazada, en colaboración co profesorado encheron os corredores do IES Félix Muriel para presentar os diferentes grupos, identificar os seus compoñentes e difundir a súa discografía. O deseño dixital dos cartaces é obra de Rodolfo Piñeiro, ex-profesor de música deste centro e ex-compañeiro do ENDL.

IMG-20161221-WA0007 (1)Os paneis en que estaban agrupados os cartaces dos grupos segundo os seus estilos  estiveron organizados por Bernal Muíños, estudante de 1º de Bacharelato e músico que, ademais de tocar na banda e no grupo de música tradicional “Vai de roda”, tamén participou nun trío improvisado para a ocasión e formado, ademais de por el, por outro alumno e mais o profesor de física.

Como a música se coñece escoitándoa, hoxe era día de escoitar música en galego, mais no IES levamos desde xaneiro de 2015 poñendo videoclips dos diferentes grupos e cantantes un día á semana. Porén neste trimestre, acompañando á exposición, houbo música durante todos os recreos, era o denominado Music-Gal, no que Bernal, igual ca outro alumnado do ENDL, colaborou  proxectando vídeos dos diferentes grupos.

Todas as láminas realizadas para a exposición, así como os enlaces aos vídeos das actuacións, están colgados na web do ENDL www.rianxofala.com. Esta tamén é obra de Rodolfo Piñeiro que a deseñou e se encarga de subir todos os materiais, entre os últimos que cargou están os discos, partituras, vídeos e entrevistas  referidos ao matrimonio que forman  Xosé Romero e Maruxa Miguéns, do mítico grupo Os Rosales.

Para dar a coñecer todo este patrimonio, así como para darlle ao alumnado a posibilidade de interactuar cos músicos, organizouse a xornada lúdico-festiva de hoxe, destacando nelas as seis charlas-obradoiro realizadas, unha impartida polos dous membros d’Os Rosales, outra por tres membros d’Os Perucos, unha terceira por un mozo do grupo Faíscas de Trazo, e as tres que faltan estaban formadas por alumnado do centro. O obradoiro que contaba con máis docentes era o formado por rapaces e rapazas que tocan en bandas (maioritariamente na de Rianxo) que formaron aos compañeiros/as nos diferentes instrumentos, así como na presenza da música galega nas bandas. O seguinte en número de docentes-alumnas foi o de baile tradicional, no que rapazas de diferentes grupos de baile tradicional estiveron adestrando en facer puntos bases a varios grupos que se foron achegando nas diferentes quendas. Por último, o trío citado arriba, formado ad-hoc para a ocasión, composto por dous alumnos e o profesor e que, ademais de tocaren na biblioteca, reflexionaron coa rapazada sobre a presenza da lingua galega na música.

IMG_20161221_133640Xa á última hora da mañá xuntouse todo o mundo no patio ao son dos Rosales, que foron acompañados polos Perucos na interpretación da peza “As Camposas” e que conseguiron que un grupo xeitoso de alumnado, xunto con Santi (gaiteiro do grupo Faíscas de Trazo), bailasen animadamente ao seu son.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.