Xosé Luís Axeitos, escritor e investigador galego orixinario de Asados (Rianxo), comeza a falar dicindo que a mellor biografía de Manuel Antonio se atopa na súa propia obra: A medida que escribe, vaina facendo. Tamén considera que unha boa maneira de contala é a partir das fotos que se conservan tanto del só como coa súa familia ou amigos, e tamén do propio Rianxo da época, onde nace, aínda que nunca chega a vivir alí propiamente. Unha anécdota é a da plantación das árbores que se atopan no campo de arriba: Axeitos di que “nacen e medran con Manuel Antonio, e veno morrer”, xa que se plantaron no mesmo ano do seu nacemento (1900). Rianxo, vila mariñeira, concentraba todo no porto xa que todo viña por mar, mesmo o propio concello se atopaba alí. Era tamén unha vila moi relixiosa da que se conservan cantidade de fotos de procesións. Todo xiraba, pois, arredor do mar e da igrexa.
Tanto a familia da súa nai como a do seu pai eran moi conservadoras, e pódese saber isto, entre outras cousas, porque chegarán a abrazar o franquismo, aínda que o seu avó é denunciado por un cura e pásase ó partido liberalista. Sábese tamén que a súa nai era moi impositiva e relixiosa en exceso, de feito, viste ó seu fillo co hábito de San Antonio porque cando o seu home caeu enfermo prometeu que o faría se tiñan un varón.
Manuel Antonio queda orfo de pequeno e vese ben nas fotos familiares que a súa familia intenta protexelo, de feito, o seu avó paterno mesmo lle fai un testamento. Ten unha moi boa relación co seu primo: xogan, teñen complicidades e mesmo comezan a fumar xuntos, mais vive sempre rodeado do silencio e de persoas maiores, polo que normalmente xoga só e colecciona cromos de personaxes históricos en caixas de mistos, os que aínda se conservan, posto que tanto el como a súa nai gardábano absolutamente todo (incluso un machón de pelo de cando era cativo).
Tivo unha biblioteca excepcional, e non pola cantidade de libros senón pola calidade, grazas ós que se foi cultivando pouco a pouco. Sempre poñía ex libris neles, como marca de posesión, e son características as estrelas nacionalistas, que utilizaba incluso nas cartas que escribía. Parece case incríbel que sendo dun sitio tan pequeno pedise libros incluso de Francia (que lle tardaban en chegar seis meses), en francés e inglés, usándoos logo para traducilos ó galego.
É característico o seu compromiso coa súa terra e co seu idioma, de feito, fai un pacto de sangue con dous dos seus compañeiros de instituto no que se comprometen a defender Galiza e a usar o galego en todas partes. Traxéanse e quítanse unha foto para deixar constancia do feito e os tres conservan o pacto sempre.
Diagnostícanlle unha tuberculose ós dezaseis/dezasete anos, e morre dela ós trinta, mais nunca se preocupou por ela (nunca foi a un sanatorio, fumou ata a súa última hora…) , seguramente como maneira de combater a enfermidade. Daquela, a palabra “tuberculose” era incluso un tabú e chamábaselle “mal de peito”. Galiza era o lugar de Europa onde máis se morría disto, e considerábase contaxiosa, polo que todos se afastaban dos enfermos. Foi para Manuel Antonio algo así como unha maldición, posto que non so afectaba á saúde, era tamén unha enfermidade social: Crese que deixou á súa moza por ela, limitáballe as relacións, deulle problemas de cara ó servizo militar, etc.
El quería navegar, mais ata os vinte e catro anos non puido, posto que foi a eses anos cando quedou libre da obriga do servizo militar, o que non podía facer por culpa da enfermidade. Embarca por primeira vez no Pailebote Constantino Caldeira, no que escribe a obra máis importante da literatura galega do século XX (De catro a catro), á que subtitula “Diario de abordo”, xa que escrebe cada día un poema estando abordo do barco, que leva tan só dez pasaxeiros e traía sal, aceite e material de construción. O seguinte barco no que embarca é o Selria, pero queda desilusionado destas viaxes e non anota nin o balance: As súas anotacións son desinteresadas. O Arosa é o último barco no que navega, un pesqueiro, xa que quere traballar de inmediato e completar alí as horas que lle quedan para obter o título de navegación. Describe o que fan nel, as avarías, etc. Tiña unha axenda na que anotaba as persoas ás que quería visitar e recomendado polo médico tamén anota o seu peso para controlar a súa saúde. Sábese así que ó morrer pesaba 50 kg, un peso moi baixo para un mozo alto de trinta anos. O seu deterioro era evidente.
Manuel Antonio sempre foi definido como un home “raro”, distante e que sempre estaba só. Isto pode deberse, ademais de á súa enfermidade, ás súas dúas paixóns: A creación literaria e a defensa de Galiza. Sempre quixo ser poeta, mais para el era máis importante a estética que a ética, polo que viste de traxe en branco e negro ó igual que todos os poetas, a pesar de ser dunha vila humilde. Afíliase ás Irmandades da Fala, sendo o máis novo de todos, e sempre foi un militante disciplinado, mesmo reparte follas de propaganda a aqueles que considera que poden querer afiliarse.
Escribe o Manifesto máis alá por motivos políticos e ó mesmo tempo como reto á sociedade.
É característico nos seus poemas a tipografía en bandeira, a que quere que se respecte sempre: É un dos poucos poetas europeos que denuncia a un medio de comunicación por non respectarlla. Non lle manda poemas a algúns medios por iso, e non quixo saber nada da Revista Nós porque lle parecía que tiña un concepto elitista da cultura, nin d’El Pueblo Gallego, porque o seu dirixente era un oportunista e só apoiaba a causa de Galiza por interese.
Era inconformista por excelencia: depura a súa poesía constantemente e rompía moitos dos seus poemas. A súa preocupación pola creación tamén inflúe en que apareza na súa obra moita meta-poesía (incluso en De catro a catro). Axeitos di que tendemos a valorar a alguén cando chega á meta pero non o esforzo que lle levou chegar, e Manuel Antonio é un esforzo constante. Tamén está inconforme co mundo e rexeita a relixión, a pesar de serlle inculcada dende pequeno pola súa familia.
Ten nostalxia da nosa tradición a pesar de ser pequeno, rexeita os barcos a motor e defende os muíños e as velas. É un poeta que describe paisaxes, pero íntimas, subxectivas; a palabra dependía dunha realidade da que estaba rodeado.
En De catro a catro escribe prosa para explicar os símbolos que vai a utilizar, que non son poucos. Utiliza un léxico que recolle do que hai ó redor do pailebote, isto é, léxico mariñeiro (aparece moito o “mar” e tamén o “vento”). Nestes poemas, nos que utiliza unha lingua abstracta, describe a realidade como algo que se repite constantemente: É unha viaxe estática nunha soidade absoluta. Destaca tamén o antisentimentalismo e a deshumanización da arte, característico das vangardas, e a agonía existencial. A palabra “nós” sempre está presente, “a luz que nos guía”, que pode ser un termo mariñeiro pero tamén pode ter un sentido político. O tempo sempre está en futuro, posto que é o tempo dos nacionalismos (sen estado): Buscan chegar a ser.
Son poemas creacionistas porque Manuel Antonio describe paisaxes que non existen, el mesmo os crea. Son paisaxes virxes, sen posesión e inexplorados, por iso non aparece ningún topónimo: Aínda están por descubrir.
Ó final, Axeitos céntrase en dous poemas:Intencións e Sós. O poema “Intencións” está en futuro porque a partir del todo son descobertas, espazos futuros. Nel declara, aínda que soe redundante, as intencións que ten de cara á viaxe. No poema “Sos” describe o que foi pasando (en tempo pasado) e é característico o “nós” e os seus espazos en branco nos cinco últimos versos, que marcan o seu baleiro existencial.
Foi, pois, unha charla especial, xa non só pola admiración que Xosé Luís Axeitos sente por Manuel Antonio e o ben que esta se complemente cos datos para falar del, senón tamén porque coñecemos un pouquiño máis ó noso pobo, Rianxo, berce de escritores.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]