Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Existe ”futuro” para os estudantes?

A día de hoxe, principios de decembro de 2016, seguimos camiñando sobre a incertidume ao descoñecer que é o que nos agarda en xuño aos estudantes de segundo de Bacharelato, os rapaces e rapazas da xeración do 99 séntense desprotexidos ante unha Lei que tenta rematar coa liberdade educativa e crear un futuro elitista.???????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????

 Ano tras ano, partido tras partido, as leis educativas van cambiando, pero non evolucionando. Dende os anos oitenta coa LOECE, primeira lei tras a restauración democrática, pasando pola LOE imposta polo PSOE no ano 2006 e rematando pola actual, a rexeitada LOMCE, imposta polo Partido Popular durante o seu último mandato, obsérvase que estas antes de ser aprobadas, xa prometen ser derrogadas en canto o poder cambie de man. A LOMCE ou ”Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa” foi aprobada o  28 de novembro de 2013 con 182 deputados a favor (debido a maioría absoluta que posuía o PP nese momento), 143 en contra e 2 abstencións. Con estes resultados o anteriormente dito confírmase.

Os altos cargos, gobernantes e ministros que en cada mandato están sentados en grandes e cómodos asentos, crean leis segundo o seu parecer e ideoloxía, recorrendo o mínimo posible ao persoal docente, facendo que en cada lexislatura unha nova lei educativa ocupe o posto da anterior. Deste xeito créase unha inestabilidade que remata converténdose en algo habitual dun pobo cada vez máis reprimido.

Os partidos políticos orixinados para favorecer ao pobo e loitar polo seu benestar e dereitos, negan isto último e miran unicamente polo seu pelexo, buscan con ansia ser os máis votados para ter o poder, só polo seu propio ben. Existen ministerios que non deberían depender da opción política que ocupe o goberno, tales como a educación, a sanidade e a maltratada xustiza.

Na actualidade a situación educativa española é pésima, xa que ocupa os últimos postos no informe PISA, o cal se basea na análise do rendemento de estudantes a partir duns exames que se realizan cada tres anos en varios países coa fin de determinar a valoración internacional do estudantado. Os ministros aférranse á idea de culpabilizar ao corpo docente e ao alumnado, argumentando que estes non se esforzan, nin traballan o suficiente.

Ás veces o máis sinxelo é o máis complexo de entender. A educación atópase en cada ámbito no cal un vive e se relaciona. Na vida non só se aprende por repeticións, facendo tarefas e estudando horas e horas os mesmos conceptos, teorías e teoremas os cales nun ínfimo período de tempo serán olvidados. Existen métodos alternativos para o ensino: un bo filme é educación, unha conversa coa avoa sobre as súas vivenzas é educación, escoitar é educación, ir a mercar á tenda e ver como subiu o IVE é educación. Isto fai que a poboación se pregunte por que os mandatarios pechan os ollos ante isto e se negan a ver a realidade, chegando a asociar educación con memorización. Hérdase desta obsoleta metodoloxía un futuro progresista? A resposta é non.

Finlandia, país que na actualidade se atopa no cume mundial da educación é o modelo que se debería empregar como punto de partida e referencia para a creación dun novo sistema educativo español. Pola contra as leis tenden a alonxarnos cada vez máis deste. No país nórdico a palabra deberes non existe, o tempo libre é unha necesidade, así como as actividades extraescolares fundamentais e a literatura e a música, imprescindibles. Por outra banda en España o modelo arbitrario ao que os alumnos e alumnas están sometidos tende a introducir na súa mente conceptos inútiles que esta rexeita debido a saturación que sofre.

A LOMCE, Lei imposta contra a vontade do estudantado e dos docentes, crea unha fenda insalvable entre as denominadas ciencias e letras, pretendendo crear autómatas ignorantes. Filosofía, materia fundamental que ensina a pensar por un mesmo, á creación dunha opinión propia, materia que nos explica que todas as opinións son discutibles pero non respectables, desaparece silenciosamente do sistema educativo, xa que todos os gritos e protestas do sector educativo caen no baleiro e no baleiro non existe o son. A filosofía, fonte de saber, de cultura, nexo de unión entre ciencias e letras, correntes actualmente tan opostas e que na súa orixe eran a mesma, foi practicamente borrada dos plans educativos.

O galego temeroso do seu futuro berra e pide axuda pero este é silenciado cando a lingua hexemónica gaña poder. Durante este período, onde Equipos de normalización tentan non ser esmagados pola pedagoxía do opresor, a LOMCE discrimina esta fermosa lingua asignándoa ás materias consideradas pola sociedade carentes de importancia, as humanísticas.

 Que esperar dun sistema educativo como o actual, mais alá dun aumento do fracaso escolar , o elitismo e a formación de mentes sinxelas e cuadriculadas? Non se pode esperar nada.

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.