Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Paleolingüística: De onde veñen a maioría das linguas?

En busca do primeiro INDOEUROPEO (tradución do artigo publicado  na revista MUY INTERESANTE do mes de febreiro-2016, pax 68-73). Unha reportaxe de JOSÉ ANXO MARTOS

A árbore é unha adaptación propia a partir do devandito artigo. (No final deste texto pódese descargar en varios tamaños)

ÁRBORE das linguas (P622x692)Lingüistas, arqueólogos, historiadores e xenetistas traballan cóbado con cóbado para determinar onde se orixinou e como se difundiu o idioma ancestral do que xurdiron a maioría das linguas modernas. Adiantámosche o último que descubriron.

E se saíu de aquí?

Unha das teorías máis asentadas sitúa o nacemento do protoindoeuropeo nas estepas ucranianas e rusas onde os pobos escitas falaron unha lingua derivada del ata o s. IV a. C.

 Malia saberse que é a antepasada de toda a cultura occidental, india e irania, a lingua coñecida comPaleontoloxía-1o protoindoeuropea segue ancorada no misterio. Non se aclarou onde xurdiu e como se estendeu de xeito tan amplo, cunha implantación arrasadora.

O protoindoeuropeo, que se tería falado cara ao 4000 antes da nosa era, é a raíz da que xorden a maioría de linguas do mundo, isto é, máis de 150 idiomas, e o usado polo maior número de falantes (máis de 3.000 millóns).

O gran obstáculo para resolver este crebacabezas lingüístico é que non existen probas escritas. Cando se falou o indoeuropeo non había escritura; xa que logo, non temos testemuño directo del, explica José Antonio Berenguer, investigador científico do Instituto de Linguas e Culturas do Mediterráneo e Oriente Próximo do CSIC. E así, sen probas físicas, a ciencia ha de buscar outros carreiros que lle permitan aproximarse a eses afastados protoindoeuropeos. E a pista podería acharse nun sitio tan inesperado como uns esqueletos: os de 170 homes e mulleres da Antigüidade que foron sometidos á extracción do ADN en dous estudos internacionais publicados recentemente.

A idea é que se aqueles individuos dos lugares onde se cre que se orixinou o indoeuropeo teñen conexións xenéticas con outros de zonas afastadas nas que máis tarde se falaron linguas desta mesma raíz, estariamos ante unha proba firme de migracións por todo o continente. Neses desprazamentos, as poboacións levarían consigo non só os seus útiles, senón tamén o seu vocabulario.

DENDE AS ESTEPAS UCRAÍNAS E RUSAS CARA AO LESTE E AO OESTE

A tese de ambos estudos é que a primitiva comunidade indoeuropea xorde nas estepas rusas e ucranianas, no seo da chamada cultura yamna -“hoyo”, en ruso-, tamén coñecida como cultura dos kurganes, cara ao 4000-3500 antes de nosa era, durante a Idade do Bronce. Desde este lugar orixinario, aquelas xentes remotas desprazaríanse cara a Occidente e Oriente.

Paleontoloxía-2

A primeira das análises, encabezada por David Reich, da Universidade de Harvard, e na que participaron científicos españois, trazou o ADN de 69 europeos que viviron nun período de entre 8.000 v 3.000 anos atrás, e analizou ata 400.000 polimorfismos nos seus xenes. Europa Occidental e Oriental entraron en contacto 4.500 anos antes de nosa era, algo visible en que os individuos de Alemaña pertencentes á cultura neolítica da cerámica cordada tiñan un 75 % do seu acervo xenético coincidente cos “yamnas”, o que documenta unha migración masiva cara ao corazón de Europa proveniente da súa periferia oriental, segundo din os autores deste estudo.

 “Ese devanceiro das estepas persistiu en todos os centroeuropeos obxecto da mostra, ata polo menos hai 3.000 anos, e é ubicuo nos europeos actuais”. Por iso, segundo Reich, “estes resultados apoian unha orixe esteparia para algunhas das linguas indoeuropeas de Europa”. O arqueólogo Roberto Risch, da Universidade Autónoma de Barcelona, é un dos coautores do presente estudo e explícanos que “a xenética, obviamente, non nos dá o idioma que falaban, pero aquela migración tivo que contribuír á formación dos idiomas actuais”, baseado nunha mostra aínda máis ampla (101 persoas) e máis diversa, xa que non só abarcaba individuos europeos, senón tamén asiáticos. “Usamos novos métodos mellorados para secuenciar xenomas”, aclaran os investigadores no seu artigo. E o resultado principal mostra que a Idade do Bronce foi un período moi dinámico, que incluíu migracións e recambios de poboación a gran escala responsables da maior parte da estrutura demográfica actual, tanto en Europa como en Asia.

 En concreto,   este estudo      explica que a poboación do norte e centro de Europa estaba composta dunha mestura de grupos preexistentes de cazadores-recolectores e granxeiros neolíticos, pero recibiron achegas xenéticas caucásicas no inicio da Idade do Bronce. Estes resultados, segundo afirman, coinciden coa expansión ben definida arqueolóxicamente da cultura yamna desde a estepa do Ponto e o Caspio cara a Europa.

Paleontoloxía-3

 A PISTA ESTEPARIA DUN PECULIAR TIPO DE ENTERRAMENTO URBANO

A idea dunha orixe esteparia para quen hoxe poboamos Europa xurdiu por primeira vez a finais do século XIX e popularizouna máis tarde a arqueóloga lituana Marija Gimbutas, a partir dos anos setenta. Gimbutas estudara os rituais de enterramento prehistórico na súa Lituania natal e logo en todo o territorio das estepas. Centrou a súa atención no que chamou kurganes, un tipo de inhumación en forma de montículos de terra e pedras que se sitúan encima dunha tumba. Eran característicos do cuarto milenio antes de Cristo.

En paralelo, realizou estudos lingüísticos das inscricións arqueolóxicas desta zona de Europa Oriental. Interpretou así que a mesma civilización que enterrara os seus mortos en kurganes falaba unha lingua que podería ser o protoindoeuropeo.

 A partir dos seus achados, Gimbutas relacionou esta primitiva lingua cos pobos esteparios. Serían grupos armados patriarcais con propensión á violencia e ás armas, segundo os seus estudos. Coñecían o cabalo como medio de transporte e por iso se adicaban ao pastoreo nómade. Todo isto levounos a estenderse cara a Occidente e Oriente, impoñendo a súa cultura, incluída a súa lingua, ás poboacións preexistentes, de carácter máis sedentario e pacífico, practicantes da agricultura e a recolección.

 ORIXES DESCARTADAS: ALEMAÑA E O SUR DE ESCANDINAVIA

 Esta concepción desprazou a outra anterior, a máis clásica, que apuntaba a que a lingua indoeuropea proviña de Alemaña e o sur de Escandinavia. Dita teoría quedou aínda máis superada a raíz das análises xenéticas: nin en Europa meridional nin en Asia suroccidental hai ADN procedente de Europa central atribuíble a unha migración na Idade dos Metais.

 Con todo, nos 80, o arqueólogo británico Colin Renfrew introduciu unha nova incógnita ao propoñer a chamada hipótese anatolia. Esta defende que a área xeográfica da península de Anatolia sería o berce do Neolítico, coas súas innovacións agrícolas que, levadas polos seus habitantes cara a Europa e cara a Oriente, virían acompañadas polo idioma destes lugares, cuxas linguas antigas tamén teñen filiación indoeuropea. Esta nova visión gozou da primacía durante case tres décadas.

 Paleontoloxía-4 O indicio hitita. Baixorrelevo de hai uns 3.000 anos que representa ao rei hitita Maradas cazando. Os trazos deste pobo apoian a idea que aposta por Anatolia -na actual Turquía- como semente das linguas indoeuropeas.

 Os novos datos xenéticos devolven ao primeiro plano da polémica a aqueles avezados pobos ruso-ucranianos. “Penso que a hipótese das estepas e a cultura dos kurganes é a máis probable”, afirma Eugenio Luján, profesor de Lingüística Indoeuropea e decano da Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid. Aínda que hai algunhas diferenzas no xeito de ver como ocorreu.

 A conquista a sangue e lume imaxinada por Gimbutas hoxe relativízase. Nos últimos anos deixouse de insistir no dominio bélico, pero tal vez si houbo un dominio material en canto ao coñecemento de certas técnicas por parte desta civilización que lle deron unha vantaxe cultural, o cal facilitou que tamén impuxesen a súa linguaxe,  tal como explica Luján. Pero matiza: “Habemos de situarnos nunha época en que en Europa había grandes baleiros demográficos, co cal expandirse nin sequera precisaba de guerrear, porque a densidade da poboación probablemente era baixísima”.

 Cando se indoeuropeizou a Península Ibérica?

Península ibérica: caso aberto. Podería ser un título moi suxerinte para o misterio que rodea a chegada dos indoeuropeos ao sur dos Pirineos. Así como o íbero é unha lingua claramente non indoeuropea, hai outras que si o foron: o celtíbero, de raíz celta, pero de implantación máis recente que os períodos en discusión; e o lusitano, que nada ten que ver co tronco céltico e cuxa cronoloxía aínda non puido ser establecida.

 Seguramente antes da celtización houbo unha indoeuropeización, que sería como mínimo do segundo milenio antes de Cristo ou ata máis atrás no tempo, na opinión do lingüista Eugenio Luján. E engade: “Pero na actualidade é difícil casar os datos lingüísticos e os arqueolóxicos”.

Paleontoloxía-5

SPAIN IS DIFFERENT. Os resultados do estudo xenético de David Reich mostran que a presenza do ADN dos pobos das estepas nos habitantes da Península Ibérica estudados é moito menor que noutras poboacións occidentais. “Nos genomas de individuos da nosa península, o peso da poboación neolítica é máis forte, un 75 %, fronte ao 25 % que proviría das estepas”, comenta Roberto Risch, coautor do estudo. “Non sabemos -continúa- cando chegaron estes xenes, se no período campaniforme ou coa cultura do Argar (2200 a. C.), o primeiro Estado que se formou en Europa continental”. Xoias feitas de óso, conchas e bronce do xacemento de EI Argar (Almería), onde si foi achado ADN vinculado co mundo indoeuropeo.

Recentemente, o xacemento murciano de La Almoloya ten aportado máis detalles sobre a civilización argárica, ao atoparse alí un palacio e un enxoval funerario principesco. Espéranse con interese novos datos.

 “Parece que a comunidade protoindoeuropea debería xurdir en épocas en torno ás datas que marcan os estudos xenéticos realizados”, conclúe xa que logo Luján. Isto concordaría con feitos coñecidos pola lingüística, como que o indio e o grego antigos eran dúas linguas que se parecían moitísimo, o que suxire a existencia dunha mesma comunidade orixinaria que se desprazou en ambas direccións non moito antes, porque, co paso do tempo e coa falta de comunicación, as linguas tenden a fragmentarse, como lles pasou a esas dúas: o grego actual e o indio moderno, (hindi), son moi distintos, sinala este especialista.

 A semellanza da lingua sánscrita coas dúas grandes linguas clásicas occidentais, o grego e o latín, xa fora observada con enorme sorpresa no século XVI polos primeiros viaxeiros que trouxeron noticias da India. O mercador italiano Filippo Sassetti (1540-1588) deu conta da similitude dos numerais: dvá, tráyas ou septá son dous, tres e sete en sánscrito.

 SE CADRA, OS POBOS NÓMADAS NON IMPUXERON O SEU IDIOMA

 A procura dunha explicación para estas coincidencias sistemáticas desembocaría no século XIX nos inicios da ciencia filolóxica da indo-xermanística e a definición do concepto de indoeuropeo.

 Con todo, non todos os lingüistas están de acordo coa hipótese das estepas. O prestixioso profesor Francisco Villar, catedrático da Universidade de Salamanca, que impartiu o seu maxisterio en varias xeracións de filólogos españois e cuxos libros son manuais de referencia, foi evolucionando no seu punto de vista: “Levo cincuenta anos dándolle voltas ao tema dos indoeuropeos e actualmente son moi escéptico. Sostiven nos 90 que a hipótese dos kurganes era a boa, pero a miña posición actual é que ningunha das opcións acaba de convencer. Creo que os estudos agora aparecidos só demostran que un grupo étnico irrompeu no ámbito europeo onde xa había outro grupo arraigado, pero iso non establece as linguas que falaban nin o grupo máis antigo nin o que irrompeu desde as estepas. Nin a xenética está aínda capacitada para establecer a data exacta desa irrupción”.

Por outra banda, apunta que todas as opcións “converten a implantación dos indoeuropeos en produto dun episodio único, como unha migración por exemplo, para o cal buscan un pobo de orixe e unha cronoloxía; eu creo en cambio que isto non ocorreu dunha soa vez, e que en todas as etapas houbo diversos sucesos e movementos nunha e outra dirección”.

 INDICIOS OUE CONDUCEN A OS TEMPOS DA ÚLTIMA GLACIACIÓN

Paleontoloxía-6

Segundo os estudos xenéticos dirixidos por Eske Willerslev -esquerda- da Universidade de Copenhague, na Idade do Bronce houbo migracións masivas desde o leste de Europa. Delátao, por exemplo, o ADN desta muller enterrada en Rothenschirmbach (Alemaña) fai 4.500 anos.

 É máis, Villar sostén que hai fundamentos para remontarse algúns milenios máis atrás: “Cando Europa estivo cuberta polos xeos durante o Máximo Glacial, houbo catro refuxios dos habitantes de Europa: España, Italia, o norte dos Balcáns e o mar Negro. Na miña opinión, estes catro refuxios conteñen restos moi primixenios do que logo serán linguas indoeuropeas. Esas variedades quedaron illadas durante 1.200 anos polo frío, e nese tempo cambiarían moito, deixándose de entender mutuamente, aínda que todas tiñan unha base anterior arqueoindoeuropea”.

 Villar mostrou nos seus dous últimos libros (2011 e 2014) como hai restos que poderían subsistir na nosa linguaxe desde o Mesolítico, tralo final da glaciación. “En Europa, a hidronimia -nomes de ríos e outros accidentes xeográficos relacionados coa auga- é unha fonte de información neste aspecto, porque se trata de restos fósiles lingüísticos, xa que a nomenclatura fluvial tende a perpetuarse. Un topónimo adoita durar o que dura o ámbito ao que designa, pero os ríos non desaparecen, así que o primeiro nome que se lle puxo a un río logo da glaciación tendeu a manterse.

 O NOME DO RÍO MIÑO DÁSE EN TODA EUROPA: MINIO EN ITALIA, MINIA EN POLONIA, MINIJA EN LITUANIA…

 Por exemplo, “o río Miño -Minius, en latín- atopámolo por toda Europa”, explica Villar. Así hai en Italia un río Minio e outro Mincius; por Polonia flúe o Minia, e en Lituania están as cuencas do Minija -que se le Minia- e do Minupé, que significa literalmente o río Min(i)a. “Os hidrónimos hispanos chegan con claridade ata Lituania e alí chocan cos procedentes do norte dos Balcáns, outro refuxio da glaciación”,  conclúe Villar.

 AS LINGUAS E AS LINGUAXES SON MÁIS ANTIGAS DO QUE TRADICIONALMENTE SE TEN ESTABLECIDO

Algúns destes aspectos achegaríanse a unha cuarta hipótese, que nos últimos tempos gañou adeptos e que se coñece como continuidade paleolítica. Como o seu nome indica, sostén que o que houbo foi unha persistencia ininterrompida das linguas desde nada menos que o Paleolítico Superior, que comezou 40.000 anos antes de nosa era e terminou cara ao 12000 a. C.

 As linguas e as linguaxes son moito máis antigas do que tradicionalmente se pensou, sosteñen os defensores deste punto de vista, encabezados polo lingüista italiano Mario Alinei. O xurdimento do léxico de todos os grandes grupos de linguas, incluíndo o indoeuropeo, debería periodificarse ao longo de toda a evolución humana, e non comprimilo na prehistoria recente, segundo afirman estes.

 Con datos tan diversos e de tantas fontes, José Antonio Berenguer, investigador no CSIC, remarca que aínda houbo pouco contacto entre os arqueólogos e os lingüistas, pero agora a irrupción da xenética de poboacións obríganos a pensar na creación de equipos multidisciplinares que nos permitan a uns ter conciencia do alcance das teorías dos outros. E ante os novos datos sobre as orixes indoeuropeas e os que poden estar por vir, varios entrevistados coinciden: “O momento é apaixonante”, di Berenguer.

ÁRBORE das linguas (P622x692)

Descargar ÁRBORE nos tres tamaños: GRANDE   MEDIANO   PEQUENO

DESCARGAR ARTIGO EN PDF




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.