Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
A normalización da literatura galega

EuQueroLiteraturaEnGalego

Cando falamos de literatura galega, falamos dunha literatura única, destacada, que tivo o seus anos de ouro pero que, desgraciadamente non pode ser considerada unha literatura normalizada.

Algúns poden estar en contra e rebaterían dicindo que unha literatura que conta con grandes obras, coma a nosa, ten que estar normalizada hoxe en día. Seguramente esas persoas comezasen a nomear a famosos escritores nados en Galicia e, entre eses nomes, atoparíamos algúns casos como o de Emilia Pardo Bazán. Como ela, moitos escritores de berce galego decantáronse unicamente pola lingua castelá á hora de escribir. Desta forma non estamos falando de obras en lingua galega e, polo tanto, tampouco de literatura galega. Así, debemos descartar isto como argumento a favor de que a nosa literatura está normalizada.

Seguindo esa mesma liña, hai que destacar o considerable volume de títulos publicados en galego, o que sitúa á literatura galega ao mesmo nivel que unha normalizada en canto a publicacións, mais, como ben dixo o escritor Luís Rei Núñez nunha entrevista: “… pese aos numerosos títulos publicados, en canto ao número de lectores, desgraciadamente, quedámonos moi en desvantaxe. Unha literatura normalizada non pode subsistir a conta dos lectores dos centros escolares, aos cales lles son impostos os libros en galego”.

Xunto con todo isto, é esencial ter en conta que unha literatura non pode estar normalizada cando a lingua que lle serve de motor non acadou este estado de normalización. Hoxe en día, a lingua galega conta cun menor número de falantes que fai uns anos, tal como amosan as estadísticas do IGE (Instituto Galego de Estatística). Así mesmo, a existencia de grupos e equipos de normalización e dinamización lingüística, como o ENDL do noso propio centro, demostran que o galego aínda se atopa en proceso de acadar ese estado de normalidade dentro da sociedade.

Desta forma, destacando o que nós mesmos vemos ao noso redor, creo que podemos afirmar (con gran pésame) que a literatura galega non está normalizada, e que aínda debemos traballar para que poida acadar dita normalidade nun futuro, se pode ser, non moi afastado.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.