Este ano 2016, ao igual que estes últimos sete anos, leváronse a cabo os Campus Científicos de Verán, iniciativa da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Así, durante catro quendas dunha semana, comprendidas entre os días 3 e 30 de xullo, numerosos estudantes que finalizaron este curso 4º de ESO ou 1º de Bacharelato, viaxaron a diversos lugares de España para asistir a esta actividade, coa finalidade de ordenar un pouco as ideas e aclarar as dúbidas con respecto aos estudos futuros.
Este ano, eu, Aida Barros Ces, estudante deste IES, ao rematar os estudos de ESO, tiven a oportunidade de optar a unha praza e a sorte de conseguila.
O día 17 de xullo, collín o tren cara a Madrid, chea de ilusión, sabendo soamente o Campus que eu elixira e ao que asistiría esa semana. As miñas expectativas eran boas, mais… realmente a experiencia superounas!
Durante esa marabillosa semana non só asimilei numerosos conceptos que me poden axudar nun futuro non moi lonxano, ao contrario, aprendín moito máis grazas ao profesorado universitario, aos monitores e aos meus compañeiros e compañeiras…
Estes últimos foron os que realmente fixeron desa semana algo inolvidable, todos eramos diferentes, de distintos lugares: Valencia, Castellón, Murcia, Asturias, Sevilla, Cádiz, Madrid, … Grazas a eles descubrín novos xogos, culturas, puntos de vista, gustos, … inclusive cheguei a aprender a bailar unha sevillana! Ben… polo menos intenteino.
Traballamos duro ao longo desa semana, cada cal co seu grupo, no seu respectivo proxecto. No meu caso, escollín “Deseño mecánico asistido por ordenador”, onde nos ensinaron todo o proceso a seguir a hora de deseñar, xa sexa desde cero ou a partir dun modelo, algún elemento ao que queiramos dotar de mobilidade. Así, utilizamos o programa de deseño virtual 3D “Solid Edge”, no que tivemos que realizar os planos e as vistas de diversas pezas. Unha vez dominados os comandos e pasos a seguir puxéronnos un reto: deseñar e construír un minitrípode para cámara. Puxémonos man á obra e, en tres días, conseguímolo, non sen cometer moitos erros polo camiño… pero, como se di, dos erros apréndese. Finalmente, trouxéronnos unha Impresora 3D, coa que imprimimos cada unha das pezas, para montalas todas e crear o trípode.
O último día, antes da entrega de diplomas, tivemos que expoñer diante de todo o profesorado, monitores e compañeiros o noso proxecto e os resultados. A pesar de asistir ao campus de mecánica, aprendín moitas cousas coas exposicións dos outros grupos:
- Ciberseguridade (ensináronnos unha aplicación capaz de detectar os ataques virtuais que suceden en todo o mundo)
- Estruturas lixeiras (amosáronnos os proxectos realizados a man por cada un dos dous grupos: Os “100-tíficos” e “Afirmativo Estable”, deixando ver a pequena, pero sana, realidade que se formara entre eles)
- Estatística (ensináronnos a usar o programa Kinect, ademais de deixarnos ben claro que era máis probable chegar a ser presidente de EEUU que gañar a lotería… )

Grupo de Deseño mecánico asistido por ordenador (De esquerda a dereita: Javier, David, Diego, Laura, Aida, Julia, Noelia e Lara)
Mais… non pensedes que foi só dar clase e traballar, non podiades estar máis errados se credes iso. Ao longo do día debíamos ter coidado de non dicir SI ou NON, xa que, se te descoidabas, entregaríanche o Totem, unha das dúas pequenas pezas en forma de máscara, da cal só te poderías librar se alguén dicía as palabras prohibidas. Quen posuíse unha das pezas, ou as dúas, tería que realizar unha proba ao día seguinte, tal como bailar unha sevillana no medio da Praza Maior de Madrid.
Cada tarde tíñamos unha actividade distinta: unha charla sobre psicoloxía, unha sobre os vehículos do futuro, actividades na piscina da universidade, un taller de radio no que fixemos os nosos propios programas e, o último día, un tour por Madrid.
Ademais, cada noite, para relaxarnos e deixar descansar as nosas fatigadas neuronas, os monitores organizaron “as veladas”. O primeiro día, para coñecernos, tocou un xogo de mímica, O Asasino e A vila dorme (os dous xogos de cartas). O segundo, para espabilarnos, tocou deporte, con xogos coma “A batalla do Cid” e “O pano dobre”. O terceiro día… ¡película! ( vimos “The Imitation Game (Descifrando Enigma)” ). O cuarto día, “A velada dos signos”, un xogo de memoria, debuxo e de moito correr. O quinto puxéronnos a proba cunha Xincana: “O Código Da Vinci”, con probas e pistas por toda a residencia e o seu xardín… ¡non correríamos esa noite! Finalmente, o sexto, como despedida, entrega dos regalos do amigo invisible e unha pequena discoteca no xardín, onde todos bailamos ata que non puidemos máis e, claro, como ninguén quería ir a durmir, tocou a hora das dedicatorias: nas libretas, nas mochilas, nas camisetas, vídeos e fotos cos móbiles… Ninguén quería marchar…
O sábado 23, todo foron despedidas, fotos de última hora, abrazos, intercambiar correos, instgram, … e sobre todo, bágoas e promesas de verse o máis pronto posible, pois, nesa curta semana, pasáramos de ser descoñecidos, a formar unha pequena familia.
Volvendo ao tema… Recomendo que para o ano todos os alumnos do IES Félix Muriel que teñan a oportunidade vaian a estes campus, pois, para nada son unha perda de tempo, ao contrario, na miña opinión, foi unha das mellores decisións que tomei por agora na miña vida. Puiden aclarar a mente para elixir as optativas de Bacharelato, descubrín novas enxeñerías que descoñecía ata agora, puiden vivir a experiencia universitaria, coñecín a xente marabillosa e, sobre todo, puiden non só aprender sobre a ciencia… senón tamén vivila.
Así que, os que leades isto, ¡non sexades parvos e aproveitade esta magnífica oportunidade!
Para escoitar e descargar os programas de radio que realizamos clicade aquí ou copiade a seguinte ligazón:
http://www.4shared.com/folder/aKkszefL/2016.html
Por se o queredes saber, o que realizou o noso grupo foi o titulado: UC3M_2016_Día19_Grupo2.mp3
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]