Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Un neofalante deixa de ser neofalante?

Unha persoa neofalante é a que se acaba de incorporar ao uso dunha lingua. Pero é esta unha condición temporal ou unha vez que es neofalante xa o es para toda a vida? Creo que hai dúas posibilidades para responder a isto.

Por un lado, seguindo a definición dada polo dicionario, unha persoa neofalante deixará de selo cando utilice a lingua nova en todos os ámbitos e usos con normalidade. É dicir sería unha condición temporal que se aplica só cando unha persoa está cambiando de lingua, comete erros e segue expresándose mellor na lingua anterior. Creo que neste caso o momento no que se deixa de ser neofalante é cando se comeza pensar na lingua nova e se utiliza sen ningún problema.

Por outro lado cun criterio máis subxectivo, aínda que se exprese perfectamente na lingua nova esta nunca será a súa lingua materna. Por iso seguirá falando unha lingua de posterior adquisición e seguirá sendo neofalante. Creo que a lingua materna é a lingua máis importante, porque é coa que se medra e coa que se comeza a coñecer a realidade. Aí é onde, para min, está a diferenza entre un neofalante e un paleofalante, na parte máis persoal da lingua. A este factor no caso do galego engadímoslle que é moi raro que se adquiran variedades dialectais dunha zona ao non falar galego dende sempre e moitas veces tampouco se ten a fonética que si pode ter un falante de sempre.

Con estas dúas posibilidades decidín preguntar aos propios neofalantes. A maioría dixeron que era algo temporal, pero despois cando preguntaba se eles seguían sendo neofalantes contestaban que si, aínda que levasen máis de vinte anos falando galego. Isto sorprendeume, porque eles mesmos se estaban contradicindo, pero cando preguntei porque non deixaron de ser neofalantes entendín a súa resposta: porque o galego non era a súa lingua materna. Para eles a súa lingua incial seguía a ser outra, neste caso o castelán.

Ao meu parecer a resposta máis axeitada é a de que ser neofalante é algo permanente. Por moito que se chegue a dominar unha lingua nova sempre se vai ter algunha diferenza cos paleofalantes, xa sexa na fonética ou nas construcións sintácticas. Ademais nunca será a lingua na que se aprendeu a falar cando se era neno/a e tampouco a que lles transmitiron os pais.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.