Imaxe de cabeceira
O IES rebole
Debate sobre educación no 25 aniversario do IES Félix Muriel

O escritor Xesús Costa Rodil, exprofesor do noso centro,  escribiu o seguinte texto para ler o día de hoxe, 4 de xuño de 2016,  na celebración do 25 aniversario do noso IES. Por motivos de saúde, tiveron de darlle lectura dúas profesoras do centro que transmitiron todas as ideas que el desexaba que se tratasen no debate que a continuación mantiveron os exdirectores do centro.

Podedes ler o texto completo a seguir, baixo o título “Sociedade, educación e sistema económico: reflexións simples”.

Por Xesús Costa Rodil

Como se o ceo fose diluvio que nos afoga e non escampa e nos derruba, transforma ou nos aflixe, así chove aberto sobre a sociedade universal  a maldade. Non é o sangue que nos tira, é o corazón humanizado que nos leva aos campos da fraternidade, á  terra das que chaman xustiza e bondade , salvación e esperanza, ollos luminosos, días esperanzados ocasos compracentes.

É a humanidade dos de lonxe e dos de preto, nos desertos  da miseria  e a ignorancia, que nos demanda vivir. A prata é o mundo no que vivo, non as fronteiras que dominan. A patria ha de ser acubillo universal do desamparo, manantío de alento, mar que nutre por igual, vento que tronza a cobiza e o egoísmo. Chove aberto sobre a humanidade. As augas malignas da ambición, da explotación que convirten  a mulleres e homes en rabaños  medoñentos, fuxitivos. Carne  de sustento da cobiza dun sistema económico que zuga o sangue dos humanos sen piedade, conformando a existencia dun canibalismo social que medra nas almas e nos corazóns dos que, despiadadamente teñen como fin conseguir riquezas, beneficios incontables sen importarlles pisar, desfacer vidas,levar á hecatombe ao xénero humano.

Por qué que as clases ricas e poderosas, a minoría mundial asola e asoballa, somete e destrúe, impertérrita ante a miseria, a dor, o sufrimento, a norte de milleiros e milleiros de persoas,como se fosen artefactos mecánicos avellentados son retirados da existencia?Por que tanta ambición de posuir, de sacrificar a outros seres humanos, de non ver a quen no límite das súas forzas agoniza e renega de ter nacido, de vir a un mundo tan cruel e desapiadado que lle fai vivir no desconsoló, na desesperación e no terror?

E que non queda na mente e no corazón dos poderosos un alento de bondade? Son axentes do mal, dese mal que crea un inferno verdadeiro neste mundo.

Onde estamos aqueles que nos chamamos cristiáns, musulmáns, xudeus, budistas ou doutras confesións relixosas que manifestamos buscar a irmandade? Estas crenzas, só son verniz ou firmes actitudes de compromiso coa humanidade?

Coñecémolas polas nosas obras e se estas son contrarias ás nosas crencias como a cotío  observamos, acoso non estamos a ser farsantes, cínicos,hipócritas, inmorais? Desterrada a existencia ética e moral tanto individualmente como socialmente vimos construíndo e seguimos a afirmar a deshumanización , a cobiza, a fera explotación entre os humanos.

E non estamos a ver como se traicionan as crenzas relixiosas e políticas que decimos profesar para conseguir poder e riquezas?

E con esta situación social, os mestres de infantil, primaria, secundaria e universitaria, qué debemos facer..? cal debe ser a finalidade do noso labor..? temos a obriga ética e moral de repensar o que facemos, de cavilar individual e colectivamente sobre a nosa ocupación..?

Existe algunha relación entre o modelo de sociedade na que desexamos vivir e como se desenvolve a educación?

Reclamamos dignidade. Isto significa: amor, xustiza, igualdade, fraternidade, liberdade, cooperación, tolerancia, respecto, empatía, compaixón… entre as persoas e pobos cara utópica harmonía dos seres humanos. Este sentir ideal ha de converterse en frontispicio, en guieiro da educación para conformar unha sociedade universal, dignamente humana.

Cando unha alta autoridade educativa do Ministerio de Educación afirma, parafraseando  as súas palabras, que a educación primaria, secundaria e universitaria debe orientarse a preparar para o mundo do traballo de acordo ás necesidades empresariais, da produción, que se nos quere manifestar cara á planificación da educación? Que era, que debe ser a súa finalidade..? quizais non se está a indicarnos aos educadores que o fundamental para a humanidade é a produción  de bens e servizos, de subordinar o ser humano aos beneficios económicos? Formar autómatas, dóciles persoas, alienados seres humanos, submisos dos ricos e poderosos, sexan empresas, gobernos, propietarios e administradores do capital? Seres humanos  acríticos, desmontados, sen soños, sen utopías, sen rebeldía, sen capacidade para loitar, sen outro estímulo ou razón de ser que acadar grandes rendibilidades económicas, que non nos preguntamos como viven e sofren e padecen outros seres humanos, que non examinamos se a nosa riqueza é a cousa da pobreza e da miseria doutras clases sociais e doutros pobos.

Así nos quere o sistema. Si, o sistema capitalista. E toda a maquinaria, todos os poderes deste sistema están a advertirnos que non hai posible alternativa, que todo intento será sometido , directa ou indirectamente, polas súas forzas. Isto é a fin da historia. Eternamente, o mundo xira nesta roda. Humanos, non  soñedes. A utopía dun mundo mais humanos feneceu sempre. Así remata a historia. Explotadores e explotados. Inamovible.Sométese a este sistema. É o único posible. Así conforman as nosas mentes, os nosos anhelos. E esta finalidade, como é lóxico ,trasládase ao sistema educativo: formar cidadáns que acepten, como a verdade máis natural, que a sociedades sempre será desigual, inxusta, de pobres e ricos, que esta situación  é lei eterna, inmutable.

Que facer? Coidamos que a presenza da formación humanística na programación  educativa é cada vez máis pequena , tanto nas áreas ou disciplinas como no tempo que se lles asina no currículo. Minguar a Filosofía, a formación para a convivencia, a Historia, a xeografía, a literatura, a Música, o coñecemento das culturas clásicas, etc. É poñer importantes dificultades á creación de actividades críticas e autocríticas, de tomar conciencia das existencias éticas e morais, dos problemas sociais, de considerar o respecto aos dereitos humanos, á dignidade persoal e colectiva.

Producir  máis medios materiais non garante unha mellor distribución como testemuña  a situación actual da humanidade, que posibilita maior benestar, porén non o ben ser das persoas.

Os recursos tecnolóxicos e materiais han ser postos sempre baixo interrogante de, ¿para que serven? ¿para a xustiza ou a inxustiza? ¿para a igualdade ou a desigualdade? ¿para a fraternidade ou a explotación duns seres humanos por outros?

Non esquezas. Reafirmémonos na verdade que recolle o primeiro artigo da declaración universal dos dereitos humanos:  “Os seres humanos nacen libres  e iguais en dereitos e dignidade, e dotados como están de razón e conciencia  deben comportarse fraternalmente os uns cos outros.”

Rianxo, outubro de 2015

 

 

 

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.