Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
A AELG entrégalle a letra E a Helena Villar en Rianxo

ElenaVillar RianxoEscribir, tirar do fío para dispoñelo en urdas, para pasar a trama, para facer a tea: tecer. Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra  poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula. Tiña que ser así porque Helena medrou entre fíos na xastrería familiar, primeiro ensino, primeiro ateneo, onde se recitaban os clásicos,  se interpretaba bel canto  e desfilaban historias e personaxes,  segundo ela mesma refire. 

A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro.  Entregaráselle en Rianxo o 25 de xuño, na que será a vixésimo segunda edición.

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que será homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo  fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as  procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.   Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Máis información no sitio web do Concello de Rianxo e na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

PROGRAMA

 11.30h Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas

Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora). Interveñen:

  • Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
  • Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo
  • Helena Villar Janeiro

Acto de entrega da “Letra E” (Escola da I República – Cuartel vello) Interveñen:

  • Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo
  • Mercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da AELG
  • Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
  • Marica Campo: Laudatio

Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro

Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro

14.00h Xantar no Pazo de Rianxiño

Xantar de confraternidade. Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Rianxo e demais persoas interesadas.

O prezo por persoa é de 30€, que se pagarán no propio restaurante nunha mesa que habilitaremos ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que fagas a túa reserva canto antes. De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando até o venres 17 de xuño -inclusive- ao teléfono 981 133 233 ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org.

Esta actividade conta co apoio de CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos), Deputación da Coruña, Consellaría de Cultura e Concello de Rianxo.

Nota: O traxecto desde o  Peirao de Sete Fogas  até o Pazo Rianxiño pódese facer a pé en 15 minutos




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.