Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Unha fábrica de robots!

history-of-robots1Nos últimos anos tense falado moito sobre as reválidas, e son moitas as preguntas que brotan arredor desta cuestión. Así, preguntámonos con frecuencia cales son os seus verdadeiros obxectivos e utilidade.

O vindeiro mes de maio o alumnado de terceiro e sexto de primaria deberá realizar ditas reválidas, convocadas polo goberno estatal. Desde o meu punto de vista este sistema conta cuns obxectivos totalmente partidistas en moitos aspectos. Por unha banda estas probas comezan excluíndo sutilmente o galego do ensino enmascarándoo de “liberdade lingüística”, pois a proba de matemáticas de terceiro curso realizarase en castelán mentres que as competencias científico-técnicas de sexto curso se avaliarán no idioma escollido polas familias. Deste xeito o actual goberno (en funcións), amósase unha vez máis como un inimigo da diversidade lingüística, pretendendo relegar o galego a unha posición que tivo tempo atrás cando se atopaba totalmente perseguido por un réxime  ditatorial que prestaba máis ben pouca atención á diversidade.                                                  lomce-copia-22

Por outra banda, máis aló dos eidos da fala, pódese dicir que as reválidas son unhas probas elaboradas polo Estado español e comúns para todas as comunidades autónomas, facendo deste xeito caso omiso ás diferenzas existentes entre os contidos dos diferentes territorios que veñen dados por diferenzas culturais e xeográficas. Unha vez máis reafírmase con este feito un proceso de uniformación que se pretende levar a cabo.

Por último, non me gustaría rematar sen antes salientar de igual maneira a posibilidade que este procedemento concede aos centros privados, os cales poderán facer bandeira dos seus resultados como xa acontece coas probas de selectividade, clasificando unha vez máis o alumnado e desprestixiando, dalgún xeito, o ensino público, que non se caracteriza por escoller “a dedo” ás persoas “mellor capacitadas”.

As reválidas son un elemento de control máis, que intenta impoñerse co obxectivo de uniformizar a educación e crear individuos que sigan o camiño marcado polo poder. De seguir así, non tardará moito en chegar o día no que a educación deixe de preocuparse pola atención á diversidade e por potenciar a creatividade do alumando e se volva un mecanismo de cohesión ideolóxica e en contra dos que se desvíen do sendeiro deseñado polo poder. Axiña será unha fábrica de robots.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.