Por: Alba Vicente
Aquela tarde corrín con todas as miñas forzas ata onde ninguén me puidera atopar para poder pensar no desastroso día que tivera sen que me molestaran. Estaba cansa de que os da miña clase rexeitaran as miñas ideas para os traballos porque “as mulleres non saben de ciencia”. Seguía correndo ata que tropecei e caín ao chan rascándome o xeonllo esquerdo. Estiven preto de un minuto aí, sentada, esperando a que a dor calmara un pouco e, de súpeto, sentín unha man no meu ombreiro. Levanteime esquecendo o dano que me fixera para ver a cara da persoa que estaba detrás de min. Unha señora maior con gafas mirábame fixamente.
– Fixécheste dano? -preguntou ela-.
– Só un pouco, pero estou ben -respondín intentando sorrir-.
– E que facías aquí tan lonxe? Puidécheste perder.
– Quería pensar sobre o que me pasou hoxe… -ao dicir isto non puiden evitar que unha bágoa recorrera a miña meixela-.
Sabía que a pregunta non buscaba esa resposta xa que ela non me coñecía e non lle interesarían os meus problemas, pero a cara desa señora inspiroume certa confianza para dicirllo, e parece que fora unha boa idea. A muller mirábame con certa tristeza ao ver como me limpaba as bágoas e non dubidou en axudarme:
– Queres falar sobre iso? Ás veces contar os problemas fainos sentir mellor -propuxo sorríndome-.
– Claro, seguro que me vén ben -dixen sentándome nun banco que se atopaba preto mentres ela me seguía-. Verá, hoxe mentres estabamos facendo un traballo de ciencia por grupos na clase eu propuxen unha idea, na miña opinión bastante boa, pero os tres rapaces do meu grupo rexeitárona e dixeron que eu non valía para as ciencias xa que son muller e que o noso xénero non é tan intelixente coma o seu, que os grandes logros e ideas foron por parte de homes.
Cando rematei a muller esbozou un sorriso que me fixo fruncir o ceño.
– E que é de Sophie Germain? Marie Curie? Lisa Meitner? Rosalind Franklin? E… sabes? Vouche contar a historia dunha muller que non o tivo fácil na vida. O seu nome era Bárbara McClintock -comezou a señora e, ao verme fruncir o ceño proseguiu-. Para moitos ese nome é descoñecido e vexo que ti tamén te atopas na mesma situación. Esa muller foi unha gran científica no campo da xenética, pero non sempre foi tan fácil para ela. Tivo uns comezos difíciles, o seu traballo foi ignorado durante moito tempo. Ao igual que ti non tivo fácil expoñer as súas ideas como muller investigadora. Pero sabes? Ela non se rendeu, seguiu adiante sempre. A súa investigación sobre os xens do millo e o descubrimento dos transposóns deste alimento, uns pequenos fragmentos de ADN que se poden desprazar dun cromosoma a outro, levouna a publicar un famoso artigo nunha revista científica. Unha loucura non? Pois esa loucura levouna á recibir o Premio Nobel de Medicina hai dous anos, no 1983.
–Pero eu non son tan intelixente como esa científica, non conseguirei nada.
– Non precisas selo. Si, pode que ela fose lista, pero o que a levou ao éxito foi a súa persistencia como investigadora, que lle serviu para demostrar que a súa teoría era certa.
– Aínda así seguro que non me fan caso, por moito que lles demostre que eu teño razón vanse negar a aceptalo.– Seguro que o consegues. Pensa que ás veces debemos ir contra todo e esperar o momento axeitado para conseguir o noso propósito. As cousas non son fáciles, pero fíxate no exemplo de McClintock, ela non o tivo doado, pero conseguiu o éxito a base de traballalo.
– Moitas grazas, -conseguín dicir cando por primeira vez durante toda a conversa esbocei un sorriso grazas ás súas palabras- prométolle que intentarei ser escoitada, non, non o intentarei. Conseguireino! -anunciei antes de darlle un abrazo e mirar o reloxo-. Xa é tarde, teño que volver á casa.
– De acordo, espero volver a verte, pero cando o faga xa serás unha famosa científica.
Non puiden evitar rir ante esa idea. Cando conseguín parar levanteime disposta a volver á casa, pero antes diso precisaba saber unha última cousa:
– Grazas outra vez e un pracer coñecela señora…?
Deixei a pregunta sen rematar tentando que ela a completara dicíndome o seu nome:
–McClintock. Bárbara McClintock -sorriu ela-.
Sofía
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]