O mes de maio está tendo unha actividade extraordinaria no IES Félix Muriel de Rianxo. Este centro, que non se ocupa só do homenaxeado o Día, nin sequera a Semana, das Letras, senón todo o 2º e 3º trimestre do curso, organiza o Maio das Letras que trascende a homenaxe a Manuel María e que quere destacar a defensa xeral da nosa Lingua. Asentar a radio escolar, realizar unha videoconferencia con alumnado que estuda galego en Londres, mostrar as potencialidades do galego a través da lusofonía ou organizar unha exposición sobre Isaac Díaz Pardo ocuparon boa parte deste Mes das Letras.
Celebrouse a potencialidade da nosa fala e do seu futuro a través das ondas na nosa recentemente inaugurada RadioRianxo dirixida e realizada por alumnado do ENDL. A semana das Letras agasallou ás entusiastas alumnas cun equipamento novo: mesa de mezclas, micrófonos e auriculares novos. No día de onte estiveron probando a nova instalación para gravar xa o seguinte programa no que se poderá comprobar unha mellora espectacular da calidade do son.
O programa dará noticia das actividades puntuais que se realizaron neste Maio das Letras en relación co homenaxeado, que van desde un recitado de poesía, unha pegada de cartaces poéticos polo exterior do centro, elaboración de paneis expositores no interior ata unha representación teatral por parte do actor Serafín Marcos. O recitado de poesía tivo lugar o pasado venres, 20 de maio, no IES. Nel, o alumnado de 1º, 3º e 4º ESO deron conta de boa parte da obra poética de Manuel María. Durante as tres horas que durou o evento, o alumnado de 2º ESO interveu amenizando con cancións baseadas en poemas do autor, algunhas tan coñecidas coma O carro, que coreou todo o salón de actos.
O alumnado de 1º ESO do IES vai participar mañá, 25 de maio, nunha videoconferencia co alumnado que estuda galego no IES Cañada Blanch e Londres. A través desta actividade poderán apreciar que o galego ten interese mesmo para falantes da denominada lingua internacional por excelencia. Tamén alumnado de 1º ESO que estuda portugués, ao lado doutro de 1º de Bacharelato inauguraron o mes de maio coa celebración do Día da Lingua e cultura portuguesas, no que se pretendeu mostrar no IES que coa lingua galego temos unha potencialidade enorme para entendernos con milleiros de falantes lusófonos.
Nesta semana pasada tamén se realizou a inauguración da Exposición Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso realizada por dúas profesoras de Ordes , unha delas ex-profesora neste IES. Composta por 40 grandes paneis enmarcados, percorreu xa distintos centros educativos de Galicia e encóntrase agora á nosa disposición ata o vindeiro 4 de xuño, día no que se vai celebrar o 25 aniversario do Centro.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]