Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Laura no deserto

9788498653953“Laura no deserto” de Antón Riveiro Coello é unha novela que conta a vida de Laura Crussat (ou Laura Mulisch) e tamén a dos diferentes personaxes protagonistas que van resolvendo as incógnitas que teñen sobre o seu pasado. Nas súas páxinas vivimos a Guerra Civil española, a II Guerra Mundial e as pegadas que deixan estes conflitos nas persoas tiveron a mala sorte de presencialos….

Para min un dos temas máis importantes do libro é a culpa, que é a que motiva que cada personaxe comece a indagar sobre a súa familia ou o seu pasado. Se queredes achegarvos ao libro desde a miña mirada, seguide lendo…

O libro comeza en Barcelona mostrándonos a Diana Crussat atopando unha carta escrita por unha tía desde o cárcere de Ventas que revela un segredo familiar. Ao mesmo tempo en Santiago, Pablo fica sorprendido pola frase que o seu pai lle dixo antes de morrer, e fai que se cuestione todo o que sabía sobre a súa familia. En New York, Bob, un veterano da II Guerra Mundial, vai recoller ao hospital ao seu mellor amigo que se quixo suicidar pola culpa e a impotencia que sente por non poder axudar máis durante a guerra. A última narradora é María unha emigrante galega en Estados Unidos que traballa nun psiquiátrico. Alí está ingresada unha señora que perdeu a memoria e non fala, pero que desperta cando escoita unha melodía que canta María mentres lle limpa o cuarto. Inicialmente semella que María é un personaxe principal, pero realmente é unha maneira de introducirnos no psiquiátrico no que se atopa ingresada a verdadeira protagonista de toda a novela: Laura, que se converte en narradora na segunda parte do libro.

Cada capítulo é narrado en primeira persoa por un dos personaxes. Estes ven como pouco a pouco cambia a súa realidade por unha serie de acontecementos casuais, como atopar unha carta que desvela un segredo familiar, a morte dun ser querido e as súas últimas palabras ou o intento de suicidio dun amigo. Aparentemente estes catro personaxes non teñen relación ningunha, pero cando se avanza na lectura empezase a sospeitar de que nalgún momento confluirán nunha historia común.

De primeiras o título “Laura no deserto” non deixa entrever de que vai falar a novela e iso achega un pouco de misterio. Ademais durante o libro séguese pensando continuamente no título porque se descoñece a que se refire ata que se chega ao final.  A novela está estruturada en catro libros que cos seus títulos (“A Luz dos ausentes”, “A casa das sombras”, ” O labirinto de Ingrid Steiner” e “A viaxe de Penélope”) reflicten moi ben que contén cada un, se ben non se comprende o título ata rematares cada parte.

Para min non foi posible encadrar o libro dentro de ningún xénero porque combina moitas temáticas diferentes. A historia ten como base a Guerra Civil e a II Guerra Mundial, pero non se limita a contar feitos históricos se non que conta como eses feitos influíron nos personaxes e nas súas accións. Fai un bo retrato do que significa perder a memoria e non recordar a túa familia, nin o sitio onde vives e tamén de o frustrante que é non poder facer nada para recordar. Para min un dos temas máis importantes do libro é a culpa, que é a que motiva que cada personaxe comece a indagar sobre a súa familia ou o seu pasado. Esta aparece de diferentes maneiras en cada personaxe, por exemplo Laura séntese culpable porque no campo de concentración fixo cousas non moi éticas para sobrevivir. Mesmo os dous personaxes máis xoves, Diana e Pablo senten culpa, neste caso por descoñecer parte da historia das súas familias. Paréceme que tratar o tema da culpa contribuíu a facer mais crible a historia, xa que todos nalgún momento da nosa vida nos sentimos culpables por facer algo ou por non atrevernos a facelo.

    A historia nas tres primeiras partes leva un ritmo moi bo e moitas veces unha non é capaz de parar de ler porque quere descubrir qué pasa cos personaxes e sobre todo que pasa con Laura e coa súa historia. Isto comeza a afrouxar cara o final da novela onde todo é máis lento e quizais un pouco máis monótono, sobre todo porque contrasta co libro anterior que retrata a vida dos campos dunha forma moi clara e sen censuras.

En canto ao tempo interno da novela, os acontecementos seguen un orde cronolóxico, pero moitas veces os personaxes recordan momentos pasados e a historia desordénase. Un dos aspectos que me gustou foi a multiplicidade de espacios e como o autor consegue manter o fío da historia en espazos tan diferentes como A Pobra do Caramiñal ou New York e que esta siga tendo sentido.

Decidín ler “Laura no deserto” porque me chamou a atención o título e porque escoitara boas referencias del. Sen dúbida recoméndoo porque non é só unha crónica de feitos históricos, mostra tamén a parte humana da historia, a que non podemos ler nas enciclopedias e a que tamén é necesario contar. Facía moito tempo que un libro non me enganchaba desta maneira e foi un pracer perder horas de sono para adentrarme nas súas páxinas.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.