Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Hora zulú

Por Marta Figueira

Hora zulúHora zulú é un libro do escritor vigués Santiago Lopo co que conseguiu gañar o Premio García Barros de novela na edición do ano 2012.

A novela está escrita de forma fragmentada, de xeito que se compaxinan diferentes estilos narrativos: poemas, correos electrónicos, informes hospitalarios que adxuntan anexos  e cinco textos titulados Hora zulú.

Ao mesmo tempo, combina distintos rexistros lingüísticos que van dende o culto, empregado na redacción dos informes médicos, ata o coloquial, da maioría dos personaxes que van aparecendo na novela.

Aínda que poida semellar que esta variedade de estilos e rexistros nos vai levar a unha lectura inintelixible e pesada, a realidade é que a obra está estruturada de maneira que os textos conectan entre si de xeito sinxelo e comprensible, ofrecendo unha lectura que atrapa ao lector dende as primeiras páxinas.

En canto ao argumento, o libro comeza coa morte do Profesor, que levaba dez anos ingresado nun psiquiátrico sen que ninguén lograse descubrir a súa identidade, xa que supostamente padecía amnesia.

Este deixa unha serie de escritos que espertan a curiosidade de Ana, unha psiquiatra que, xunto con dous colegas máis, se fixera cargo do caso cando este ingresara no hospital.

Coa axuda dos informes médicos, e grazas ás conversas que mantén con outros internos que ao longo do tempo tiveran algún tipo de relación co Profesor, Ana irá descubrindo a existencia doutros escritos que a levarán a coñecelo realmente. Estes son poemas escritos polo Profesor, ademais de cinco relatos titulados Hora zulú nos que, en catro deles, se narran as experiencias vividas por distintos mozos, aos que lle cambiou a vida. Estas vivencias tiveron lugar en sitios moi alonxados uns dos outros, pero no mesmo instante de tempo.

Desta maneira, Ana descubre no Profesor a un home culto, intelixente, moi comprometido coa protección do medio ambiente e completamente convencido de que a obsesión da sociedade por medir o tempo mediante os fusos horarios convértea en escrava deste e do sistema capitalista no que vivimos.

Porén, Ana tamén descubrirá a verdadeira razón pola que o Profesor se deixa recluír nun centro psiquiátrico ata o fin dos seus días. Pero isto non o vou revelar, para descubrilo teredes que ler o libro.

Ao mesmo tempo, esta novela ten un toque de romanticismo que ven dada pola historia de amor entre Ana e Fran, quen tamén tratara ao Profesor e que agora atópase vivindo en Nova York felizmente casado, e que ela vai desenvolvendo en cada correo electrónico que lle envía.

A título persoal gustaríame facer referencia ao punto humorístico que engade a tormentosa relación entre o Profesor e o director do hospital, o doutor Peselas, pois nalgunhas ocasións o paciente bota man do sarcasmo e da ironía para dirixirse a el.

Recomendaría Hora zulú sen ningunha dúbida, pois é entretido, intrigante e diferente, tanto na forma coma no contido.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.