Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creación literaria
Formulando respostas
Para atopar unha resposta acertada, primeiro hai que formular a pregunta correcta...

Para atopar unha resposta acertada, primeiro hai que formular a pregunta correcta…

Pronto comezaría a conferencia… O meu corpo tremía como unha poliña de árbore abaneada polo vento. Senteime, sentíame mareada… aínda quedaban uns minutos para que tivese que saír a falar diante de milleiros de persoas… sairía na televisión… sería un descubrimento mundial… Ai Deus! Pechei os ollos e pousei a cabeza nas mans, tapando o rostro, tentando relaxarme, cavilando…

<< “ Se cheguei ata aquí non podo botarme atrás agora. Recorda, Marie Curie loitou polo que cría ata conseguir o seu obxectivo.”

Recordar o que fixera a miña heroína na ciencia deume ánimos.

Ademais, non podo botar a perder todo o traballo de meu pai.”

Meu pai dedicara seis anos da súa vida na investigación sobre o cancro. Desde que miña nai morrera debido a un cancro de mama encerrárase en si mesmo. Cría que fora o culpable, que non traballara o suficiente nin fora rápido dabondo en atopar unha cura para salvar a mamá. Nese tempo meu pai esqueceuse de todo o que non fose o traballo, descoidou a súa saúde, illouse nunha burbulla de soidade e culpa.

Sentinme impotente durante todo ese tempo, sen poder axudar nin comprender o que pasaba. Por iso foi que decidín estudar medicina ou química. Quería compensar o que non puidera facer daquela… mais cheguei tarde. Cando ía rematar a carreira, meu pai finou por unha exposición excesiva a elementos radioactivos. Quedei soa fronte un mundo xigante no que os camiños posibles eran infinitos, xuntándose, bifurcándose, enredándose uns con outros… confundíndome.

Pasaba o tempo, as bágoas brotaban cada vez que pasaba polo estudo de meu pai, un cuarto cheo de coñecementos… pero baleiro sen a súa presenza. Maldicindo a miña debilidade axiña me propuxen unha meta: acadarei o obxectivo que se propuxera papá, fareino por el e… por mamá. Loitarei coma Marie Curie loitou polos seus ideais.”

Estudei minuciosamente cada caderno e cada anotación de meu pai, buscando algún erro ou algunha pista da cal non se dera de conta, mais non atopei ningunha solución. En canto á carreira, a miña tese A loita contra o cáncer ao longo do tempo” recibiu unha matrícula de honra. Grazas a isto pronto atopei traballo nun laboratorio co que colaboraba á universidade e presentei o meu proxecto, esperando que saíse elixido. Mais non foi así.

A pesar de ser un dos mellor valorados, o meu traballo non foi un dos elixidos. Os escollidos foron só tres, todos eles feitos por homes. Sentíame derrotada… “Non elixiron o meu traballo porque non sirvo para isto? Porque son muller? Porque é o meu primeiro proxecto?” Non o sabía, mais non podía perder tempo neses pensamentos sen sentido, tiña unha investigación que levar a cabo e unha meta que acadar.

Traballaba polas noites, día tras día, no meu proxecto. Tiña o laboratorio para min soa, mais xogábame o meu posto de traballo, xogábamo todo… por un só ideal. Co tempo fun conseguindo pequenos logros que me animaban cando estaba a piques de derrubarme, ata que un día… atopei a clave.

Meu pai investigara o tratamento de dita doenza a través da radioterapia. Estudaba a posibilidade de curar os tumores a través de radiacións de onda curta, co cal era necesario implantar a fonte de raios de alta enerxía, envasada nun recipiente protector, o máis preto posible das células canceríxenas. Buscaba un tratamento mediante quimioterapia interna, tamén chamada braquiterapia. Mais non atopara elementos químicos coa suficiente enerxía para que as súas ondas atravesaran o envase coa suficiente forza sen causar danos irreversibles no organismo por exceso de radiación.

Nun principio botei as mans á cabeza… “Que podo facer?” Tiña a solución tan cerca…

Mirei ao meu redor e os meus ollos deron cunha imaxe de Marie Curie… “O radio! Papá non o tivera en conta. Podería ser…”

Investiguei durante un ano e medio máis e conseguín cumprir o meu obxectivo. Radio, cesio, iridio, iodo e fósforo… dicíanse nuns segundos mais levárame cinco anos atopalos. >>

Oín que me chamaban e volvín a realidade. O auditorio estaba cheo de persoas, cámaras e focos, todos atentos en min. Cando ía comezar a falar…

– Perdoe a miña insolencia doutora. – era un periodista da TVG – O seu descubrimento foi revolucionario, mais, segundo teño entendido, non se verificou na súa totalidade. Non se arrepinte de dedicar tantos anos a un estudo que pode ser erróneo?

– Pois… – quedei trabada, mirei cara o fondo do auditorio buscando axuda e… vin… vinos a todos… meu pai… miña nai… a miña heroína… todos xuntos, apoiándome – Non. Non me arrepinto e, se realmente estou equivocada… se é así, seguirei loitando e investigando pois, “ensináronme que o camiño do progreso non é nin rápido nin doado”, mais non imposible. Algunha pregunta máis? Comecemos logo…

Ese día din o meu primeiro paso nese longo camiño.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.