Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creación literaria
Dende o outro lado da ciencia

Por: Paula Cambeses Franco 4ºA 

O meu espertador marcaba as sete e media da mañá, así que como, case todos os días, erguinme e fun almorzar. Enriba da mesa había un periódico e na súa portada campaba o seguinte título: “Mulleres intelixentes e marxinadas”. Con tan só mirar o nome e a imaxe (que era unha foto da marabillosa Marie Curie) decidín lelo. A noticia dicía o seguinte:

foto conto-1Novas investigacións revelan que moitos dos descubrimentos atribuídos a homes foron, en realidade, feitos por mulleres. A situación do desprezo e o prexuízo de inferioridade do sexo feminino provocou, ata ben entrado o século XX, que unha serie de investigacións realizadas por señoras satisfactoriamente beneficiara principalmente ás súas parellas, pais, amigos ou irmáns. A pesar de non posuír os datos suficientes para indicalo claramente, esta afirmación é xa incuestionable. As mulleres non son o sexo menos frutífero da historia do mundo, senón que a sociedade non lles permitiu mostrar abertamente o seu potencial e moitas delas ocultáronse sentíndose impotentes de competir nun mundo que as condenaba.

Nesta situación marchei para o colexio pensativa mentres me trasladaba coa miña mente ao ano 1900. Encontrábame nun laboratorio e estaba a piques de descubrir un novo compoñente electrónico que marcaría un antes e un despois no mundo das ciencias. Mais, tiña que ter moito coidado e mirar atentamente cada paso que daba. Axiña ía chegar o meu xefe e como me albiscara de novo cerca das investigacións ía despedirme. Eu tan só estaba alí para limpar, a ciencia non era para mulleres. Cantas veces me tería dito Manuel aquela frase! Con todo, dende pequena posuía a esperanza de cambiar un pouco o mundo e non me ía dar por vencida tan fácil despois dos traballos que xa pasara. Custárame miles poder ir á universidade e agora que adquirira os coñecementos básicos sabía que algo ía saír da miña pequena e secreta investigación. Tras varios meses ás agochadas orixinei o meu prototipo dun aparello que eu chamaría racto, un elemento que permitía pasar a corrente nun sentido impedíndoo no outro, un pequeno avance pero de gran importancia a comezos do século XX. Con todo, non sei se foi sorte ou desgraza, nese momento entrou Manuel que tras descubrir o que acabara de facer quedou fascinado e enfadado a un mesmo tempo. Semellaba confundido e non sabía o que pensar nin o que dicir. Pola súa cara deume a sensación de que dubidaba entre levantarme un altar ou botarme a patadas. Mais, o que seguiu colleume totalmente desprevida. De súpeto, sen previo aviso, colleume o obxecto e marchou sen dicir ren. Nese momento sentinme quizais unha das persoas máis impotentes da historia da humanidade. Acababa de marcar un fito na historia da electrónica e temía que non se me fora recoñecido, que un home acabara patentando o meu experimento mentres me quedaba na escuridade dun abismo inacabable. Así foi! Dous meses despois saía no xornal que un inglés acababa de expoñer a miña innovación. Confundida e desesperada e tras unha gran matización decidín intentar reclamar o que me pertencía mais con medo a acabar como Hipatia de Alejandria. Todos os meus esforzos non valeran para nada.

Cando regresei ao meu ser aínda tiña na mente esta historia e nese momento, tiven unha cousa clara: na realidade lograría descubrir algún fenómeno importante e aportaríalle unha explicación razoada e comprobada cientificamente.

Vinte anos despois daquel “incidente” aquí me tedes propugnando o meu discurso tras recibir o premio nobel de física coa miña modesta investigación sobre a velocidade do xiro da materia e antimateria. Un pequeno descubrimento que pode desembocar coa realidade definitiva sobre a creación do mundo. Para rematar só quixera dicir unha frase: “loitade polos vosos soños e entón, todos xuntos, homes e mulleres lograremos facer da nosa sociedade un lugar mellor”.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.