Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
As rulas de Bakunin

Por Marta Figueira (2º Bac.)

As rulas de Bakunin- máquina de coserAs Rulas de Bakunin é un libro do escritor Antón Riveiro Coello, co que conseguiu gañar o Premio García Barros de novela no ano 2000.

 Conta a vida de Camilo Sabio Doldán, un home que pola influencia  do seu avó, foi criado dende o berce nunha ideoloxía liberal e anarquista, que defenderá durante toda a súa vida, aínda que iso implique arriscar a súa propia ou renunciar a estar coa familia. Desta maneira, nun espazo de tempo  que abrangue dende uns anos antes da Guerra Civil Española ata o Franquismo, e a través de Camilo e das personaxes que habitan neste libro, adentrarémonos nos problemas da sociedade daquela época: a guerra, a pobreza, a persecución por defender uns ideais, o cárcere, a emigración, o exilio, a morte, a traizón …

O libro está dividido en capítulos que, con saltos no tempo, contan a vida deste home dende a nenez ata a actualidade, no ano 1992. Céntranse en tres momentos relevantes: A infancia co seu avó Estevo. Unha segunda parte centrada na súa mocidade na casa da tía Lola onde coñece a súa muller Rosalía,  na súa fuxida ao monte, e no seu paso polo cárcere que remata coa súa emigración a Montevideo. A última etapa da súa vida, xa  viúvo, vive coa súa filla Branca, o seu xenro e o seu neto Lázaro, un mozo cego de vinte anos. Ademais, algúns capítulos son cartas que Camilo lle escribe á súa muller Rosalía, que morreu fai cinco anos, á que vota en falta a diario, e que axudan a coñecelo un pouco máis.

Este libro ofrece unha lectura entretida, que invita a non parar, e así ir coñecendo máis cousas sobre as personaxes e os capítulos que protagonizan, aínda que polo tema que trata,  xa se pode adiviñar que a inxustiza, a dor ou a morte están moi presentes.

Libros coma este deben estar presentes continuamente na memoria colectiva de todos para evitar que se volvan repetir feitos tan brutais, que  a xente non se mate entre si polo feito de ter ideoloxías distintas. Cando toco este tema sempre me lembro do que contaba o meu bisavó, que os peores eran os covardes e traidores que cambiaban de bando e delataban a antigos compañeiros, ou os que, abusando do poder que lles concedía estar no bando dos vencedores, denunciaban a veciños cos que tiñan algún conflito (en ocasións ata podían ser temas de lindes) e que acababan no cárcere ou, no peor dos casos, aparecían mortos aos dous días nunha cuneta, desfigurados polas torturas.

Para rematar, só dicir que libros sobre esta temática deberían ser de lectura obrigatoria para que xente coma min, que non coñecemos o que é vivir con medo, sen poder expresarse libremente ou defender os nosos ideais, apreciemos o que temos e loitemos por esa liberdade que tanta dor e sangue custou aos nosos pais , avós e bisavós, e en xeral, a unha sociedade e un país enteiro.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.