Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Recomendacións de lectura
Un animal chamado néboa

Resistencia dos cidadáns de LeningradoUn animal chamado néboa, de Ledicia Costas, é unha novela histórica, composta por varios relatos, os cales están relacionados entre si dunha forma: todos acontecen no contexto da Segunda Guerra Mundial.

Estes relatos son narrados en terceira persoa, pero dunha forma tan maxistral e detallada,  que te  fai somerxer de cheo na lectura. O título pode encaixar ben dende un principio, pois esa sensación brumosa e de tenebrosidade vai acorde á situación histórica na que nos encontramos, xa que estas narración cóntannos sempre o vivido polas distintas víctimas daquela catástrofe, mais, o nome do libro colle maior sentido cando nos atopamos co relato que comparte título coa novela; nel, a néboa que hai nos campos de concentración de Mauthausen penetra friamente como un animal nocturno nos pulmóns das reclusas, aumentando o sufrimento  delas ante o feito de estar naquel lugar, do que , moi probablemente, non sairían con vida.

Os demais relatos seguen a mesma traxectoria: mártires do conflito bélico. A maioría comeza cun texto real do sucedido naqueles tempos, do cal, a autora continuará unha historia. Os dous primeiros contan as condicións extremas ás que se teñen que enfrontar os habitantes da cidade de Leningrado para sobrevivir, despois do bloqueo levado a cabo polos nazis; para min, son estes dous os que, pola súa dureza, así como pola forma na que nolo conta, me fixeron sufrir máis, sobre todo por esa sensación de impotencia que se sente ante a morte e dor dos personaxes, e por iso mesmo, pola cantidade de emocións que tiven mentres os lía, son os meus favoritos. Outros falan da tripulación do Indianápolis, barco estadounidende, abandonada en alta mar despois de deixar a “Little Boy” no seu destino, así como dos afectados polo lazamento desas bombas nas cidades de Hiroshima e Nagasaki e o namoramento de dúas persoas que están relacionados con elas, pero de forma moi distinta…

As últimas narracións desta obra xiran en torno ós xuízos dos responsables do holocausto, feito que nos amosa que despois de tanto sufrimento, os culpables recibiron o seu castigo e as víctimas conseguiron algo de xustiza despois de todas as penalidades que tiveron que pasar, aínda que esta fora mínima en comparación ás dimensións daquela traxedia.

Recomendo totalmente a lectura deste libro, tanto polos temas que trata, nos cales aprendes máis do acontecido durante a Segunda Guerra Mundial (polo que eu vin, a autora fixo un gran traballo de investigación para incorporar moita información real na narración); como pola forma de narrala, que é moi entretida (iso si, dura e tráxica) e  engánchate totalmente dende un principio, cunha fluidez sorprendente, chegando a sentir o sufrimento, as emocións e a dor dos personaxes dunha maneira tan forte, que pode que se che salten as bágoas en máis dunha ocasión.

Se queres ler historias baseadas no acontecido durante o Holocausto dunha forma na que te sumerxirás de cheo na lectura, e as cales non esquecerás, esta é a túa novela.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.