Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura
Noite de voraces sombras

Por Marcos Saborido

Noite de voraces sombras é unha novela xuvenil escrita por Agustín Fernández Paz na que se nos relata a historia de Sara, unha rapaza que foi de vacacións á casa da súa defunta  avoa, onde unha serie de acontecementos a levan a ela e máis á súa nai a descubrir a historia da vida do seu misterioso tío durante a Guerra Civil.

Sara cóntanos cómo as vacacións que foi pasar a Viveiro coa súa familia, coma calquera outro ano, lle cambiaron completamente a vida. Nada máis chegar á habitación repleta de libros do tío Moncho, onde ata o momento non tivera a posibilidade de entrar, sentiu unha presenza estraña a cal a guiará posteriormente para que poida coñecer a historia do seu tío, levándoa ata un compartimento segredo nun armario do cuarto, onde había agochadas unhas cartas.

Estas cartas contábannos a historia de amor entre o tío e Sara, unha muller da que nin a protagonista nin a súa familia oíra falar ata o momento. Sara e Moncho eran dous mestres namorados vinculados á política que foron separados polo comezo da ditadura franquista, xa que Sara tivo que emigrar e Moncho foi encarcerado. Había varias cartas escritas de Sara a Moncho, algunhas dende Galicia e outras dende o estranxeiro, e outras nas que Moncho contaba o seu día a día no cárcere.

Unha vez que Sara acabou de ler as cartas decatouse de que a presenza seguía ó seu lado e xusto nese intre acordouse de que nas cartas o tío prometera volver algún día á illa de San Ramón, onde estivera encarcerado un tempo e dixera que agochara un obxecto, pero con Sara. Por isto, Sara e mais súa nai deciden ir á illa para buscar por ese obxecto que resultou ser un anel que tiña inscrito o nome de Sara.

Paralelamente ó descubrimento da vida do tío Moncho, Sara saía coas amigas máis cun rapaz que coñecera ese verán co que se namorou, Daniel. Tanto o namoramento de verán coma a historia do tío Moncho fan que Sara madure moito emocionalmente.

En liñas xerais esta é unha historia narrada pola protagonista, Sara, en primeira persoa  cuxa organización é cronoloxicamente lineal, agás as historias narradas nas cartas polo tío Moncho e Sara a mestra, o cal, acompañado dun vocabulario sinxelo, fai que sexa unha historia moi fácil de seguir e entender. O título, como pasa con moitos libros (ou polo menos pásame a min), dános unha impresión do libro distinta ó contido deste. Eu ó ver o título “Noite de voraces sombras” non pensei de primeiras nunha novela xuvenil, senón que nunha novela de suspense ou algo desa índole, no entanto, unha vez lido o libro enténdese perfectamente o porqué do título.

O final da historia é un final satisfactorio, xa que, aínda que a protagonista non vai volver ver a Diego nunha longa tempada (se o volve a ver) e que non se poida facer nada pola triste historia de amor entre Moncho e Sara, déixalle ó lector/a un bo sabor de boca ó atopar o anel e completar así a historia. Un aspecto a destacar e que o autor soubo integrar ben no libro o elemento da presenta fantasmal que guía a Sara, xa que a pesar diso a obra non perde lóxica nin credibilidade. Tamén quero dicir que a historia permanece bastante ben na memoria, xa que eu, que non adoito lembrar os argumentos das historias que leo, acordábame perfectamente despois de facer a primeira lectura do libro hai pouco máis dunha semana.

Con todo isto “Noite de voraces sombras” é unha obra sinxela, curta e que a min me resultou entretida que recomendaría como lectura casual a todo tipo de lectores/as.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.