Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Materias das que nunca oíras falar. Unha revisión das claves das novas materias de 4.º de ESO
(Esta é unha tradución do artigo do mesmo nome, publicado en: “La voz de la escuela” o pasado mércores 20 de abril de 2016 por Ana T. Jack  anatjack@edu.xunta.es) ver artigo

A estas alturas os centros educativos deberían de ter bastante claro cales son as materias que se van ofrecer no último curso da ESO para o próximo ano 2016-17. Pero non todos teñen esta información clara, xa que depende do profesorado que ao final vaia destinado a ese instituto, da autorización da Inspección ante determinadas materias con pouco alumnado, do que pase coa implantación da Lomce… Así as cousas, e xa de cheo no terceiro trimestre, os e as responsables do departamento de orientación dos centros fan o que poden por manter a calma e intentar programar charlas informativas para o alumnado de 3.º, que é o que debería estar xa familiarizado cos itinerarios e as novas materias. O obxectivo é que, á hora de marcar no impreso de matrícula as opcións escollidas, o fagan ben informados e sabendo o que elixen (e a que renuncian, claro).

En primeiro lugar, analizamos as materias troncais máis novas nas dúas vías que se establecen en 4.º de ESO:

       1.-ENSINOS ACADÉMICOS

En ensinos académicos, a opción para os que queren facer bacharelato, ofertarase, ademais de Física e Química e Bioloxía e Xeoloxía, estas dúas materias troncais (hai que escoller dúas en total):

Economía

  • Obxectivo. Dar a coñecer as regras básicas que explican os acontecementos económicos e familiarizarse coa linguaxe específica que utilizan economistas e medios de comunicación.
  • Contidos. Ideas económicas básicas, economía e empresa, economía persoal, ingresos e gastos do Estado, tipos de xuros, inflación e desemprego, e economía internacional.

Latín

  • Obxectivo. Familiarizar ao alumnado cos aspectos básicos do latín e da cultura de Roma, como orixe das linguas romances e da cultura occidental.
  • Contidos. O latín como orixe das linguas romances, elementos básicos da lingua latina, morfoloxía, sintaxe e historia, cultura e civilización de Roma.

     2.-ENSINOS APLICADOS

En ensinos aplicados (para os que queren estudar formación profesional), ofertarase, ademais de Tecnoloxía, estas dúas materias troncais:

Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional

  • Obxectivo. Ofrecer ao alumnado a oportunidade de aplicar en cuestións prácticas, cotiás e próximas os coñecementos adquiridos en cursos anteriores en materias de Química, Bioloxía ou Xeoloxía. Para iso traballarase no laboratorio, onde se ofrecerá unha formación experimental básica.
  • Contidos. O traballo no laboratorio (materiais, sustancias, seguridade e hixiene, impacto ambiental…), a ciencia e a súa relación co ambiente (tipos de contaminantes, eliminación de residuos…) e investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i). Nun cuarto bloque realizaranse proxectos de investigación en grupo aplicando os coñecementos adquiridos.

Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial

  • Obxectivo. Esta materia persegue formar cidadáns capaces de asumir riscos, ser innovadores, con pensamento estratéxico e habilidades para emprender.
  • Contidos. Autonomía persoal, liderado e innovación (destrezas persoais asociadas á iniciativa emprendedora), proxecto de empresa (como levar unha idea de negocio á práctica) e finanzas (formas xurídicas, tipos de empresa, necesidades financeiras, obrigacións fiscais…).

     3.-OPTATIVAS

En canto ás optativas que terán que escoller en 4º de ESO, depende da oferta de cada centro. Ademais de Plástica, Música, Segunda lingua estranxeira ou Cultura Clásica, haberá algunhas propostas novas. Son estas:

Artes Escénicas e Danza

  • Obxectivo: Ofrecer ao alumnado os coñecementos, técnicas e procedementos que lles permitan expresarse e crear artisticamente a través das linguaxes do teatro e a danza.
  • Contidos: Común (ópera, teatro e danza, ferramentas de expresión corporal…), teatro (técnicas de interpretación, deseño dun espectáculo..), danza (estilos, técnicas, coreografías…) e outras artes escénicas (circo, performance, difusión de produtos escénicos en Galicia…).

Cultura Científica

  • Obxectivo. Comprender e valorar cuestións científicas e tecnolóxicas do mundo contemporáneo, aprendendo a diferencialas das crenzas e das opinións.
  • Contidos.O método científico, o universo, os avances tecnolóxicos, a saúde, a calidade de vida e a contribución o coñecemento das materias ao avance da humanidade.

Filosofía

  • Obxectivo. Capacitar ao alumnado para a crítica, a argumentación coherente e lóxica e a síntese sobre os principios universais (xustiza, igualdade, liberdade…) e os temas morais do século XXI.
  • Contidos. A filosofía, identidade persoal, socialización, pensamento, realidade e metafísica e transformación.

Tecnoloxías da Información e a Comunicación

  • Obxectivo. Ofrecer as habilidades necesarias para adaptarse aos cambios propios do ámbito tecnolóxico.
  • Contidos. Ética e estética da interacción en rede, computadores, sistemas operativos e redes e organización, deseño e produción de información dixital.

PARA SABER MÁIS: Documento informativo sobre as materias da Lomce. Este resumo, realizado pola autora do blogue Orienta, Mónica Diz, pode resultar de utilidade para aclararse coas novidades. Este é a ligazón: http://bit.ly/1SfaHwr

O PDF da autora que aparece neste blogue ilustra moi ben sobre todos estes cambios (ver ou descargar PDF)  (ver Pdf en youblisher)




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.