Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Ámote Leo A: Terminal de… chegadas?

amote leoPor Lela (2º Bac.)

A obra da que vou falar nesta reseña literaria é “ Ámote Leo A.”, Terminal de…chegadas?” da escritora Rosa Aneiros, que se corresponde coa última parte da triloxía “ Ámote Leo A.”

Trátase dunha obra cun único narrador en primeira persoa, que non é nada máis e nada menos que a xa coñecida polas súas anteriores andainas, a aventureira Leo.  Nesta ocasión a moza atópase en París, a punto de abandonar a cidade trala mensaxe que recibiu de Andrés dicíndolle que non ía ir vela, e o posterior correo electrónico que ela mandou á casa dicindo que volvía. Porén, as cousas non lle foron tan doadas, xa que a súa familia, incluso súa nai que sempre rexeitara esa viaxe, insistía en que non podía voltar. A pesar de que Leo realmente se arrepentía de ter dito que ía abandonar, polo seu orgullo, agora non era quen de botarse atrás, xa que non lle ía contar a todos que esa teima fora por un namoramento. Pero todo mudou cando, de xeito inesperado, toda a súa familia se presentou en París, e tras uns incribles días con seus pais e seu irmán Roi coma nunca antes os vira, así como un billete de ida e volta a Bos Aires que súa tía Cris lle mercou, decidiu que ía rematar a súa viaxe no prazo acordado.

O continente Americano recibiu a unha Leo moi cansa da longa viaxe, pero este daralle moito que facer á viaxeira moza. A pesar da súa estancia nunha pensión en Bos Aires, decide pospoñer a exploración desa cidade e marchar cara Ushuaia, lugar natal do seu excompañeiro de viaxe Edmundo. Alí coñecerárá a crúa e violenta historia de Petiso Orejudo da man dun libro que lle deixa o dono da súa pensión, do cal descubrirá un escuro segredo, vivindo unha misteriosa e embruxada estancia que lle deixará un mal sabor de boca. Tras fuxir axiña dese lugar, déixase impresionar pola incrible beleza do glaciar de El Calafate, e logo de contactar con Dolores, unha amiga de súa tía Cris, volta de novo a Bos Aires. Alí evita calquera contacto coa súa antiga pensión, por mor do que descubriu sobre o seu dono, e comeza a visitar a cidade da man de Ariana, unha italiana que coñecera nos seus primeiros días na cidade.  As sospeitas de que esta se atopaba nalgún turbio negocio, que nun futuro descubrirá que son completamente infundadas, fan que Leo decida poñer terra de por medio e irse ó Machu Picchu, o destino tan desexado pola rapaza dende que comezara a súa aventura.

As mensaxes de Ámote Leo A. acompañárona durante todas estas viaxes, e aínda que no fondo agradecía que houbera alguén que sempre a acompañase, era algo que realmente a anoxaba . Desexaba con todas as súas forzas que fora Andrés o responsable, xa que a pesar do rexeitamento de Leo cara ao rapaz despois de todo o ocorrido, necesitábao.

En Perú , tras uns primeiros días de malestar debido ao chamado “ mal de altura”, Leo coñece a uns novos acompañantes, David e María, cos cales entaboa unha boa amizade, e tamén a Manfred, un mozo máis reservado pero que tamén os acompaña. A visita ao Machu Picchu fora tan incrible coma ela imaxinara, e cos seus novos compañeiros pasa tan bos momentos coma cando estaba co grupo Ruth e Cía. Tras un bo susto pola súa avoa Carmiña, que resultou non ser grave,  Leo visita numerosos lugares coa súa nova tropa, pasa un bo tempo con eles e descobre algúns dos seus segredos. Unha vez de volta en Bos Aires, na casa de Dolores, Leo enfróntase ao seu último día de viaxe. Tras seis meses percorrendo o mundo, todo chegaba ó seu fin. Acompañada dunha gran morriña, esta decátase de que todo rematou, e que xa é hora de voltar. Porén, no momento máis inoportuno, recibe a tan agardada mensaxe de Andrés, na cal este lle pide que vaia ó Brasil a reunirse con el. Tras moito cavilar, Leo decide voltar á casa, prometérallo á súa familia, e non se ía botar atrás. Cando chegou, atopouse cunha emotiva confesión de súa nai, desculpándose por todo canto lle tivera dito e animándoa a vivir a súa vida, seguir viaxando e tomar as súas propias decisións. Pero isto non foi o máis impresionante. Cando chegou á casa, abriu un misterioso paquete, no cal Leo descubriu toda a verdade a sobre as misteriosas mensaxes que a perseguiran por todo o mundo. O que alí viu provocou que a súa viaxe non fixese máis que comezar.

Esta triloxía supuxo para min unha viaxe polo mundo na compaña de Leo. Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, Istambul, Praga, Italia, París, Arxentina, Perú… Lugares coa súa propia historia,  pero tamén coa de Leo, que nos levan a coñecer cada un dos seus recunchos, sempre acompañados polas mensaxes de “ Ámote Leo A.”. Viaxe, aventura e intriga son a definición perfecta desta triloxía, e invito a calquera que lle guste percorrer mundo a lela.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.