Por Aldara Tubío
A obra Non agardei por ninguén de Ramón de Valenzuela é unha novela de carácter autobiográfico na que o autor conta as súas fazañas nos primeiros tempos da guerra civil. Nesta obra o autor deixa totalmente clara a súa condición de republicano e galeguista e narra cales foron as circunstancias nas que se veu envolto mentres trataba de salvar a vida.
Tras andar fuxido no monte con outros compañeiros favorables á causa republicana, o protagonista da obra, Gonzalo Ozores, preséntase como voluntario para combater no bando franquista e conseguir sobrevivir durante a guerra, aínda que durante toda a obra se aprecian os remorsos do protagonista e os seus desexos de pasar a combater no bando republicano. Destinado na provincia de Cáceres traballa como Secretario dun xuíz fai todo o que está nas súas mans para reducir as condeas dos acusados e evitar fusilamentos. Máis tarde decide volver á súa posición inicial na fronte porque ve perigar a súa vida e fai amizade con outros combatentes da causa republicana que coma el se atopaban infiltrados cos falanxistas.
Na obra aparece a historia de amor entre o protagonista e Clara, unha enfermeira que o coidou no tempo en que el estivera no hospital despois de ser operado da gorxa. Na miña opinión esta relación amorosa reflicte con claridade a influencia que chegan a ter as ideas políticas nas relacións de parella, e máis nunha situación de conflito como a que se narra nesta novela. Aínda que non sempre as ideas políticas supoñen un impedimento á hora de comezar unha relación amorosa, si que soen acabar xerando grandes diferenzas e chegan a producir o desencanto cara a outra persoa, posto que, aínda que non en todos os casos, certas ideoloxías condicionan a forma de vida e mesmo a personalidade que cos anos imos formando.
Esta novela remata cando o protagonista, Gonzalo Ozores, consegue o seu propósito de cambiarse ao bando republicano e escribe un telegrama dicindo “Chamei por todos, non agardei por ninguén”. Quizais con esta frase o autor sintetice todas as actuacións que realizou ata o momento presente e mesmo a súa filosofía de vida.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]