Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creador@s
Sabela e Rañolas debuxan a Castelao

Por X. Ricardo Losada

IMG_20160121_123556Este ano celebramos o centenario das Irmandades da Fala e o 130 aniversario do nacemento de Castelao. O Equipo de Normalización Lingüística do meu instituto de Rianxo comezou a realizar actividades desde o primeiro día, e unha delas trastocoume a miña rutina emocional. Nas escaleiras que soben ao primeiro andar, algúns alumnos pintaron debuxos de Castelao nos azulexos da parede. Como teño tendencia ás asociacións retorcidas e distantes, non me estrañou que a primeira vez que os vin asociase aquela actividade co pintor neerlandés M.C. Escher. Unha pedantería máis da miña mente, pensei, un pouco farto de min mesmo.

Pero os días seguintes si me intrigou. O recordo de Escher facíase máis intenso cada vez que subía aquelas escaleiras e vía como os alumnos pintaban cousas de Castelao. Tería sentido se me pasase lendo un poema de Manuel Antonio, pero… Escher e Castelao eran artistas antagónicos. O obxectivo de Escher era debuxar conceptos ideais moi relacionados coas matemáticas e resolver problemas tan abstractos como a partición regular do espazo, a busca de novas leis da perspectiva ou a plasmación de figuras imposibles. O obxectivo de Castelao era debuxar conceptos políticos moi relacionados coa inxustiza social e resolver o problema da opresión real dun pobo e unha lingua dignísimos para que os galegos cresen que era posible, aquí e agora, cambiar a realidade do seu país.

Non resolvín o enigma ata que me decatei que os alumnos puñan o seu propio nome ao lado do de Castelao no azulexo pintado. Recordoume a litografía de Escher Mans debuxando, na que se ve como unha man pinta outra man, e como esta segunda man pinta a primeira, e todo representado nunha folla de papel suxeita con chinchetas sobre o taboleiro do debuxo. Supoño que impulsado por un atavismo secular, parei a mirar os debuxos da parede e sentín moi vivamente que iso era o que vía naquela actividade. Un rianxeiro pintaba un rianxeiro que pintaba o primeiro rianxeiro, pois aqueles alumnos seguían sendo personaxes de Castelao, e todo representado nunha parede suxeita cun renovado ideal a un centro educativo. Pero iso non era todo. Había en min unha emoción máis profunda. Alá polo ano 1973, no vello colexio de Rianxo, con Franco aínda vivo, eu tivera a sorte de que un mestre nos pedira aos alumnos de 7º de EXB que fixeramos cos debuxos de Castelao unha actividade parecida. Pero só parecida. Daquela a man de Castelao pintaba a man dos rianxeiros pero a man dos rianxeiros non pintaba a man de Castelao.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.