por Yaiza Otero – 1ºBach
Gustaríame saber que persoa ten o poder, o criterio para decidir que unha lingua é de primeira ou de segunda. De verdade cremos que hai linguas superiores a outras? Que patrón seguimos para clasificalas, o número de falantes? Que nos gusten máis ou menos? Que a falemos ou non?
Desprezar unha lingua, sexa polo motivo que sexa, é desprezar unha cultura, un pobo. Ningunha lingua é superior a outra. Hai linguas que teñen máis falantes e linguas que teñen menos, pero non porque unha sexa mellor que a outra, en absoluto. Que unha lingua sexa minoritaria non implica que mereza menos repecto que unha maioritaria.
E xa que se mencionan os termos, habería que recalcar que moita xente confunde “minoritaria” con “minorizada”. Non é o mesmo unha lingua con poucos falantes que unha lingua que é desprestixiada polos seus falantes por diversos motivos. Que unha lingua sexa minorizada, como o galego, non implica que sexa minoritaria. Galego, vasco e catalán son linguas minorizadas polos seus falantes, que consideran lingua de prestixio o castelán. Quere dicir isto que o castelán é mellor que o galego? Non, nin moito menos. Estas catro linguas son igual de respectables, ningunha delas é mellor ou peor.
Non só as debemos respectar, senón tamén protexer. Como? Falándoas. Porque se non as falamos, se non as protexemos, se non loitamos por conservalas, perderémolas e con elas a nosa cultura, a nosa historia, a nosa identidade. A lingua forma parte de nós. Que sería dun pobo sen a lingua?
Como galega e galegofalante que son síntome orgullosa da miña lingua, forma parte de min, comunícome grazas a ela. Unha lingua que, en perigo de extinción precisa de protección. É unha pena que haxa xente que se avergonce da súa lingua porque outros (incultos na miña opinión) critícana por algún motivo absurdo do estilo de “é unha lingua de paletos” ou “hai que falar a lingua do Estado” ou, a máis paradóxica, “temos que falar linguas de prestixio, as que teñen maior número de falantes, como o inglés”. Paradóxica esta última afirmación porque sempre que a escoito é por boca de algunha persoa que non fala inglés nin ten intención de facelo, mesmo a teño oído de persoas que non teñen nin idea deste idioma. A onde quero chegar é ao feito de que ningunha lingua é mellor ca outra, non hai linguas de primeira e segunda clase. Cadaquén ten que estar orgulloso/a da súa lingua. Eu estou orgullosa da miña. Eu vivo en galego!
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]