Onte, venres 29 de xaneiro, tivemos unha xornada moi especial no IES para rematar a Semana de homenaxe a Castelao coincidindo co aniversario polo seu nacemento. Durante o mes de xaneiro, no que lle dedicamos moito tempo no ENDL a traballar co Castelao artista, seleccionamos ata vinte e tres frases que recollen o pensamento do ilustre rianxeiro. Imprimimos a selección en pequenas cartolinas e espetámolas nas macetas destas plantas chamadas pensamentos.
Esta actividade pechaba as actividades de exposición da obra plástica de Castelao, así como o traballo de deseño nos azulexos dos que falamos no artigo anterior.
Desde o luns 25 estivo unha restra de flores cos “pensamentos” exposta na entrada do IES para que calquera membro da comunidade educativa puidese anotar aqueles que máis lle gustaban.
Desta maneira trouxemos máis de 150 plantas este venres 29 que se distribuiron entre o primeiro e segundo recreo. Como houbo máis demanda, tanto de flores como de “ideas”, do que tiñamos no pedido inicial, aínda imos imprimir e preparar máis para o vindeiro luns.
Cos mesmos textos que se puxeron nas plantas, aos que lles sumamos algún máis, deseñamos un Castelao a tamaño natural a xeito de caligrama. Era o Castelao feito cos seus pensamentos. Realizamos dúas siluetas de Castelao, imprimímolas en adhesivo, tamaño 1,50 X 70 aproximadamente que pegamos nun taboleiro recortable que colocamos o 25 de xaneiro na entrada do centro con idea de que quede alí todo o curso.
O alumnado acudiu ilusionado a recoller os pensamentos e converteuse nunha xornada moi especial e moi bonita, na que tamén se celebraba o Día da Paz, feito que a flor axudou a simbolizar.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]