Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creación literaria
Capitá con estrela: Texto gañador do premio Arriba áncoras!

IMG_20151204_121704Paula Tubío (1º ESO A) foi a gañadora do  premio Arriba Áncoras, dentro da xincana O mar fala en Rianxo. Nesta foto vese o momento no que recibiu o agasallo (vale para a cafetería). Queda abaixo o relato gañador: Capitá con estrela    

CAPITÁ CON ESTRELA

Marta  era unha nena de sete anos, a punto de cumprir os oito, que vivía preto da praia, tiña moitas amizades, pero, a que non sabedes quen eran as súas mellores amigas?: ……as estrelas!

 Hai un dito moi antigo que di, que hai quen “ nace con estrelas” e que hai quen “nace estrelado. Marta nacera con estrelas.

Un día calquera deses que Marta estaba a merendar coas súas amigas as estrelas,  estaban sen nada que facer, aburridas, e ocorréuselle sucar os mares. Para tal xenial idea construíron un barco pirata.

Cando o barco estaba rematado Marta nomeouse “capitá con estrela”, pensando que iso lle daría moita sorte.

Esa noite Marta  durmiu a perna solta e pola mañá, coa mente despexada, deuse conta que lle faría falta unha tripulación, así que, vestiuse e acercouse a súa escola, á escola de Outeiro. Alí contoulles ós demais nenos a súa idea de sucar os mares, a procura de tesouros, a procura de aventura, a procura de ……, en fin a procura de todo.

A primeira en anotarse foi Gloria, que é unha aventureira, e, despois de pensalo, un pouquiño, a pequena Ruth, que é mais tranquila, pero tamén moi valente. A cousa foise animando e os primos Miguel e Nicolás uníronse á aventura sen pensalo, pois, tal para cual, nen o pensaron. So lles faltaba Marcos, pero non había quen o convencera; ó final pediullo a súa prima Ruth e, xa non tivemos máis que dicir, onde vai Ruth vai Marcos, poucos primos están tan unidos!.

Toda a panda quedou para saír esa noite dende o porto de Rianxo, alí atopáronse no peirao cos mariñeiros que saían cos seus barcos para o “xeito”.

Decidiron ir ás Illas “Cataguá”, que ninguén coñecía, non sabían onde quedaban, nin canto tempo lles levaría chegar, pero decidiron que irían sen mapa, á aventura. Tampouco non quixeron mirar o tempo no telexornal da Galega, ían á aventura mais grande do mundo.

Despois de partir, cando xa saíran da Ría de Arousa e estaban en alta mar, deitáronse a durmir todos, menos Marta que capitaneaba o barco e as estrelas, que estaban vixiantes para que nada malo acontecese. A noite foi pasando e Marta, sen darse conta, pouco a pouco tamén se quedou durmida. Estaban todos durmidos e ninguén se decatou de que se acercaba unha tormenta, unha tormenta enorme, grande, tan grande que parecía un furacán.

Pero, menos mal, con eles viaxaban as estrelas, que eran máxicas e daban boa sorte; eran coma os gardas protectores dos nenos que ían naquel barco pirata.  Eran a forza que os mantiña a flote naquelas olas xigantes, que pelexaba con aquel vento tempestuoso, …

Coa boa sorte que lle deron as estreliñas, o vento levounos ás illas Cataguá, pero, o barco encallou e espallou pola illa a Gloria, Marcos, Ruth, Miguel, Nicolás e a súa capitá Marta.

Marta botouse a camiñar e atopouse ó fareiro Martín, que fumaba un puro, un purazo, grande e cheirento coma el, que levaba sen lavarse dende a época de “Carrascuca”.

Marta sen ningún coidado, díxolle: fareiro cheiras que apestas, pódesme dicir onde estou?.

-    Pa cheirenta ti!-  Díxolle o fareiro.

-    Estas nas illas “Catagüé”.

-    Sinto ofenderche fareiro-, díxolle Marta, que seguiu pensando que cheiraba realmente mal. Pero deseguida se decatou que tiña que ser un pouco máis educada para que lle axudase a buscar os seus compañeiros polas illas.

Botaron a camiñar, e o fareiro díxolle a Marta:

- Queres un puro purazo?

Ela pensou, “si podo capitanear un barco pirata, poderei fumar un puro purazo”, e aceptouno, fumou e, na segunda calada ó puro, caeu de cu. Espertou ó caerlle por riba un cubo de auga; iso, o peido que botou o fareiro Martín e as gargalladas das estrelas fixeron espertar a Marta.

Seguiron coa busca do resto da tripulación polas illas Cataguá e, como o fareiro seguía a fumar o puro purazo,Marta  non vía nada, con tanto fume xa nin sequera vía as estrelas, perderas de vista. Empezaron a chamar a berros polos compañeiros: – Gloria!, Ruth!, Marcos!, Nicolás!, Miguel! – os berros non fixeron aparecer as estreliñas, pero se ó resto da tripulación.

-Estades todos ben?- preguntou Marta.

- Si- respondeu a pequena Ruth, sabíamos que estabas aquí, porque por arriba dunha nube de fume vimos brillar as estrelas.

O fareiro convidou a todos o cear brócoli e tódolos nenos dixeron: puaaff!, brócoli! A ninguén lle gustaba, excepto a Marta, porque a ela gustábanlle as verduras; pero non tiveron máis remedio que comela, pois non había outra cousa.

En canto o fareiro deixou de fumar o puro purazo, para poder cear, foise indo o fume e, como xa anoitecera, puideron ver o ceo máis estrelado, que nunca xamais se vira desde a terra. Alí había estrelas grandes, grandísimas, pequenas, pequeniñas, de tódalas cores, tamén había choiva de estrelas, que deixaban unha estela cada vez que se movían, estrelas fugaces, todos estaban pasmados e hipnotizados co marabilloso espectáculo.

Todos se deron conta de que encontraran o tesouro mais grande do mundo, nunca ninguén vira tal cousa.

Despois de moito tempo sen poder moverse, hipnotizados, chegaron as estrelas de Marta, viñan de visitar as súas irmás polo universo. Nese intre levantáronse e foron cara o barco, comprobando que non tiña danos.

Como o mar estaba calmo, puxeron rumbo a Rianxo, pois o fareiro acendeulles o faro para que viran o camiño e as estrelas guiábanos de volta á casa.

Cando chegaron o porto, estaban as familias da tripulación no peirao, moi contentas porque todos estaban ben.

Marta ao desembarcar díxolles aos seus país: -coñecín un fareiro que fumaba puros purazos é estaba cheirento de non se lavar!-.

Mentres, nas illas “Cataguá” Martín o fareiro seguía fumando un puro purazo, pero, decidiu darse un bo baño, pois lembraba que Marta lle chamara cheirento.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.