Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Ámote Leo A., Estación de Tránsito

Ámote Leo A. , Estación de Tránsito

 

Por Lela (2º Bac.)

A obra da que vou falar nesta reseña literaria trátase de  Ámote Leo A. , Estación de Tránsito da escritora Rosa Aneiros, que se corresponde coa segunda parte da triloxía de     Ámote Leo A.

Trátase dunha obra cun único narrador en primeira persoa, que como vimos na reseña sobre o primeiro libro ” Destino Xalundes” , é a viaxeira Leo a que nos conta esta historia. Esa primeira etapa da viaxe deixaranos con Leo en Turquía, na compaña de Iria, a cal non só lle servira de guía, senón que a puxera en contacto con Zerdali coa que agora vive. Porén, o máis importante do final, foi a súa intriga, xa que Leo se atopou con alguén que non nos desvelan ata chegar a este libro. Esa persoa é, como non podía ser doutra maneira, Andrés. Porén non todo é sinxelo coa súa chegada, Zerdali atópase nunha moi delicada situación debido á enfermidade da súa nai, e arrepentida pola súa inhospitalidade, Leo decide acompañala ao seu pobo, deixando a Andrés só. Cando volta da curta viaxe, esta descobre moi dececpcionada a ausencia do rapaz, e véndose s

oa decide marchar da fermosa Turquía. Sen pensalo moito, escolleu como destino Praga, máis ben polos recordos do seu bisavó. Porén, cando xa ía marchar, Andrés voltou cruzarse no seu camiño a dúas horas do despegue do avión, e coa promesa de volvérense a ver, Leo vai ao aeroporto, iniciando deste xeito unha nova viaxe.

En Praga todo é como comezar de novo, e os primeiros días cústalle desprazarse pola cidade. Porén acaba por trabar certa amizade cun inquieto grupo de xaponesas (que resultaron ser famosas) así coma cun grupo de estadounidenses cos que incluso fai unha pequena viaxe. Porén, o máis importante de Praga son os recordos que a Leo lle trae do seu bisavó e da historia deste, un home que xa entrado en anos comezou a contar historias sobre a guerra e sobre a súa estancia en Praga. Todos teimaban que o vello deliraba, xa que o seu fillo, o avó Roque (avó de Leo), afirmaba que o seu pai nunca estivera neses lugares. Porén Cristina ( a tía Cris de Leo) sempre estaba con el, e pasara os últimos momentos ao seu lado, escoitándoo todo coma se dunha confesión se tratara. Pero para confesión, a que lle fixo a tía Cris a Leo a través dun correo electrónico, no cal se demostra como realmente todo o que contaba o ancián era verdade.

Pero como non, nesta historia continúan a aparecer as misteriosas mensaxes que lle dan título á triloxía, ” Ámote Leo A.” , nos lugares máis insospeitados, e que continuarán facendo crer a Leo que o seu autor é Andrés. Pero o máis sorprendente de todo é que alguhas persoas recoñecen o que pon nos carteis e pintadas con esta frase, fotografíano e parecen ter certa conplicidade co misterioso autor, a quen nunca descobren.

O seu seguinte destino é ir en busca de Andrés, e para iso viaxa ata Roma, onde se reencontra con tódolos compañeiros de Ruth e cía, que ademais contan con novas incorporacións. Con eles o tempo pásalle voando, e a pesar dos problemas que ten cada un, cando todos están xuntos a felicidade é contaxiosa. Porén Leo decátase de que tan só lle quedan dous meses dos seis que debe durar a súa viaxe, e dase de conta que a súa viaxe con Ruth e compañía rematou, e que probablemente nunca os volvería a ver. O seu destino é París, para visitar á súa tía Cris á que tanto tempo leva sen ver. Cando chega, todo son sorpresas. Resultou que a súa tía Cris vive de luxo, e agocha máis segredos dos que ninguén podería esperar. Dándolle moitas facilidades a Leo para visitar París, pasan uns días xuntas nos que non rematan de solucionar moitas das interrogantes que teñen entre elas.

O final desta obra, como non, resulta moi impactante.  De xeito inesperado, Leo volve a ver outro ” Ámote Leo A. “, o cal lle fai pensar que Andrés viaxou a París para estar con ela. Cando o rapaz lle afirma que el non sabe nada de tales feitos e que el se atopa con Ruth e cía, Leo colleu tal xenreira que non dubidou en escribirlle á súa nai: ” Mamá volto para a casa. Xa”. Así remata este libro sobre as andainas de Leo, e de novo, a autora déixanos cunha intriga que, sen dúbida, nos invita a ler o último episodio desta viaxeira colección. Este final plantéxanos miotas dúbidas: Rematará Leo a súa viaxe? Voltará para a casa sen máis? Probablemente non, xa que a Leo que coñecemos non se daría por vencida. Na miña opinión, esta obra segue máis ou menos a liña da primeira, centrándose un pouco máis nos sentimentos de Leo, pero sen deixar de lado as incribles viaxes por todo o mundo.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.